Presentación da tradución de 'Nimbos' ao vasco

A edición bilingüe do libro, titulada Nimbos/Argi-koroak, é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Eusko Jaurlaritza, Goberno Vasco.
José María Díaz Zubizarreta, Valentín García Gómez, Xesús Alonso Montero e Patxi Baztarriika
José María Díaz Zubizarreta, Valentín García Gómez, Xesús Alonso Montero e Patxi Baztarrika


A presentación, que tivo lugar pasado 16 de decembro na Casa de Galicia de Donostia, contou coa intervención do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; do viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno Vasco, Patxi Baztarrika e dun dos fillos de Díaz Castro, José María Díaz Zubizarreta.

O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, comezou o seu discurso salientando a importancia da tradución no proceso de internacionalización e dignificación da cultura galega: "Con esta edición ao éuscaro de Nimbos, sumada ás xa feitas en inglés polo profesor e académico, John Rutherford, á rusa de man da profesora Elena Zernova e á italiana, a literatura galega dáse a coñecer fóra das nosas fronteiras e, a través dela, tamén o noso país, e a nosa historia".

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, subliñou, pola súa parte a estreita relación que cinguía a Díaz Castro co País Vasco, lugar de onde procedía a súa dona, Teresa Zubizarreta Bengoetxea, e que visitou con frecuencia ao longo da súa vida. O seu homólogo vasco, Patxi Baztarrika, recuncou nesta concepción de Díaz Castro como ponte entre as culturas galega e vasca: "Este libro constitúe, en si mesmo, unha ponte entre dúas linguas e dúas comunidades lingüísticas que desexan vivir e seguir avanzando asomadas ao mar común, á costa atlántica europea".

A tradución ao vasco de Nimbos, feita polo poeta Gerardo Markuleta, conta un limiar introdutorio do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, así como cun epílogo do profesor da Universidade de Deusto, Xosé Estévez.