Presentación da biografía de Manuel Murguía

Murguía, do historiador e académico Xosé Ramón Barreiro, achega un relato exhaustivo e rigoroso do fundador do Rexionalismo e primeiro presidente da Real Academia Galega.
Imaxe da mesa presidencial
De esquerda a dereita: o membro de número da Academia, Barreiro Fernández; o presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijoo; o presidente da Academia, Méndez Ferrín e Víctor Freixanes, membro de número da Academia e director da Editorial Galaxia


A presentación tivo lugar no salón de actos da Academia e contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín; o director xeral de cultura, Anxo Lorenzo e o deputado e académico correspondente, Francisco Cerviño, entre outros membros da Academia e personalidades da cultura e da historiografía galegas.

Capa do libro Murguía editado por Galalaxia
Capa do libro Murguía editado por Galaxia

En palabras de Víctor Freixanes, académico de número, director de Galaxia e editor do libro, "Murguía non tiña un estudo profundo da súa significación e contexto histórico, pois a súa figura ficou esvaecida e apagada pola forza do mito histórico de Rosalía." Segundo Freixanes, Murguía é a o axente clave na construción dun pensamento propio centrado en Galicia: "os ilustrados recuperan o sentido da nosa identidade e especificidade na Historia, e isto deu nacemento máis tarde ao galeguismo, á conciencia de nós e da necesidade de gobernar a nosa propia singradura." Rematou a súa intervención reivindicando que Xosé Ramón Barreiro "é o grande historiador do século XIX galego, estaba destinado a escribir este libro".

O autor da obra, Xosé Ramón Barreiro Fernández, relatou un percorrido pola traxectoria vital do insigne intelectual galeguista, desde o seu nacemento de nai solteira na Pastoriza, en Arteixo, ata o seu matrimonio con Rosalía de Castro e referiuse ao mito da escaseza de medios económicos desta parella que nunca chegou a ter casa propia, "aínda a pesar dos moitos ingresos que Murguía recibía de diversas fontes", pola súa afección á bohemia. Centrándose no protagonista da súa biografía, sinalou: "Murguía era un home monotemático, non fixo máis que pensar e escribir sobre Galicia. Sempre botaba de menos a redención do seu pobo e comprendeu moi cedo que para ese fin era necesario comprometer os intelectuais galegos na tarefa." Segundo Barreiro, "Murguía foi o primeiro construtor da racionalidade do feito diferencial galego que ata ese momento se expresaba como un sentimento. Foi tamén o primeiro en diferenciar nación e estado. Pois, para el, este país tiña, ademais de historia, fala, territorio e raza propios; a vontade colectiva de sermos distintos".

O presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, comezou a súa alocución gabando o estilo barreirán "escribe de forma tan suxestiva que é quen de transmitir os seus puntos de vista sen ser advertido polo lector". Da figura retratada no libro salientou: "Murguía foi o primeiro líder nacionalista galego e Barreiro tivo a ousadía de dicir que foi tamén o primeiro independentista". Méndez Ferrín destacou o retrato que aparece no libro da posición relixiosa da parella que formaron Rosalía e Murguía: "un deísmo non católico evidenciado na elección do nome dos seus fillos fóra do santoral". Rematou a súa intervención reclamando de a continuidade de Xosé Ramón Barreiro do seu labor cunha biografía de Rosalía de Castro.

Pechou o acto o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, reivindicando que "Murguía foi un home sintonizado co seu tempo histórico, co 48 europeo, co movemento romántico". Segundo Núñez Feijóo, Murguía deseñou un galeguismo integrador e con capacidade para tender pontes. "Nós somos a feliz consecuencia deste home que puxo ao servizo do seu país as súas inmensas capacidades intelectuais. Murguía deixounos un legado de comunidade, un legado integrador".