Presentación da recompilación poética de Domingo Frades

A recompilación poética de Domingo Frades Gaspar presentouse postumamente o pasado mes de xaneiro en Estremadura. O académico correspondente morreu o día 10 de xaneiro, pouco despois de que chegase ás súas mans Versus Valeoris da Nosa Fala, cos seus versos escritos en mañego, unha das variedades do galego estremeiro.

1/6

O volume foi editado e traducido pola filóloga valverdeira Ana Alicia Manso Flores, profesora da Universidade Paulista, e o tamén académico correspondente Xosé Henrique Costas, que participou nas presentacións celebradas en Badaxoz, Valverde, As Ellas e San Martiño de Trebello, a localidade natal do autor. Domingo Frades foi o mellor cantor das terras, das xentes e da fala do Val do Ellas, salienta Xosé Henrique Costas na tribuna que escribiu tras o seu pasamento.

Versus Valeoris da Nosa Fala. Obra poética mañega reúne nunha edición bilingüe os poemas que Domingo Frades Gaspar creou entre 1971 e 2004, parte deles publicados previamente en catro libros e outros inéditos.