Margarita Ledo Andión debutou como poeta en 1970, aos dezanove anos de idade, con Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto, un libro editado por Xistral que marcou o inicio dunha singular carreira literaria. A piques de facérense os 55 anos desta publicación, a autora repasa as arestas da súa poética en Prefiro condenarme (Chan da Pólvora). Ledo presentou o poemario o pasado mércores na Casa da Galería, a sede da fundación que creou na súa vila natal, en Castro de Rei, nunha xornada na que se inaugurou ademais o seu espazo expositivo cunha mostra de traballos de Luís Moscardó inspirados na obra literaria da actual secretaria da RAG.
A serie de debuxos “Paisaxe interior” de Moscardó reprodúcese en Prefiro condenarme, nun apéndice no que a poeta Eva Veiga se aproxima á poesía de Margarita Ledo. A académica elixiu como título para esta ollada a toda unha vida como poeta o nome do seu último filme, un dos seis proxectos independentes españois seleccionados na sección First Look do Festival de cinema de Locarno, coñecida como “work in progress”.
O filme de non ficción, producido por Nós, Produtora Cinematográfica Galega, é un documental creativo con guión da propia Ledo Andión e Eva Veiga. A película conta a historia dunha mariscadora da ría de Ferrol na que se entrelazan desexo, desobediencia e clase social no tempo da ditadura, en que cuestións como o chamado adulterio ou o abandono do fogar eran considerados “delitos específicos das mulleres", lembra a produtora.