'Poema número sete', de Reimundo Patiño

Recoñecido sobre todo polo seu labor como artista plástico, Reimundo Patiño (A Coruña, 1936-1985) foi membro do Grupo Brais Pinto e autor dun único libro de poesía, Bandeiras Neboentas.
Imaxe de familia do Grupo Brais Pinto.
Imaxe do Grupo Brais Pinto con Otero Pedrayo. De pé, de esquerda a dereita: Bautista Álvarez, José Caamaño Bournacell, Ramón Otero Pedrayo, Reimundo Patiño, Bernardino Graña, Ben Cho Shey e Xosé Luís Méndez Ferrín. Anicados, de esquerda a dereita: Xesús Alonso Montero, Camilo Gonsar e Xosé Ferreiro.  


En palabras de Manuel María, autor dun dos prólogos do libro: "Na brevedade distes poemas hai unha fondísima preocupación relixiosa que agroma dende o fondal segredo de cada verso, pra ferir, dun xeito que chamaremos luminoso e directo, a nosa conciencia". Escrito orixinalmente en 1959, Bandeiras neboentas non sería publicado ata 1992, cando sae do prelo da man de Espiral Maior.

Poema número sete
Xazo xa
E pertenzo
Ao esquezo, á eternidade,
Á noite, ao tempo.
Asulagado estou na miña mesma escuridade
E son agromar somentes
Coma o devalar da choiva e o vento.
O meu latexar é o meu medrar na herba
Innomeado coma os penedos.
E os meus osos xazen furados polo vento.
Asulagado estou xa na lembranza
Ouvindo na area o delongar imenso,
Infindo, abraiante,
Do abrollar do tempo.
Esquecido estou de min mesmo
E herbas medran xa no meu peito.
Auga son que escorre incansable,
Herba, noite e nuben que balborda coa marea
-Inesquecible onda arfada dos menceres-
No eterno esquezo de min mesmo.

Xa a dor pertence ás fontes
Diante do interminable silencio do anxo
Cuia espada pousada, horizontal, inmensa moura nuben me asemella.

Sei
Que nesta praia delongada
Ti ao non estar estiveches hai mil anos
Ouzo o recendo da tua miña lembranza.
Ti
No teu recordo me xustificas
E fas que o meu sorriso sexa estrela,
Agora que
-Senlleiro-
Vou cara ás cousas.

Madrid, 12 de maio de 1959

Bandeiras Neboentas (Espiral Maior, 1992)