Pleno extraordinario da Academia en Ponteceso

A Academia rendeulle homenaxe a Eduardo Pondal na súa vila natal no 180 aniversario do seu nacemento e 50 anos despois do Día das Letras Galegas na súa honra.
Foto de familia dos académicos en Ponteceso.
Foto de familia dos académicos en Ponteceso.


O acto, celebrado na Fundación Eduardo Pondal, en Ponteceso, contou coa presenza, entre outros, do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez e do alcalde de Ponteceso e presidente da Fundación Eduardo Pondal, José Luís Fondo.

A sesión plenaria extraordinaria da Academia en Ponteceso, introducida coa interpretación solemne do Himno do Antigo Reino de Galicia por parte do Grupo Inllar, foi iniciada polo seu presidente, Xesús Alonso Montero, quen evocou no seu discurso a dobre efeméride conmemorada, a dos 180 anos do nacemento de Pondal e a do quincuaxésimo aniversario do Día das Letras de 1965 dedicado honrar a súa figura. A seguir, Alonso Montero salientou a importancia do autor d'A Campana d'Anllóns para a nosa literatura: "Eduardo Pondal é un dos nosos grandes poetas clásicos, membro dunha estirpe de escritores que, escribindo desde o seu tempo e sobre o seu tempo, son quen de se proxectar no futuro mantendo intacta a súa actualidade". O presidente da Academia subliñou, ademais, o compromiso de Pondal con Galicia: "Pondal escribía para o renacemento do país, esculcando no que el entendía que eran as súas esencias para tratar de transmitir unha actitude de orgullo ante o noso", e rematou o seu discurso cunha loanza á Fundación Eduardo Pondal polo seu labor entusiasta de recuperación e espallamento da figura do autor do Himno, "o poema que máis coñece hoxe a xente de Galicia".

Ramón Villares.
Ramón Villares.


Logo de que o secretario da Academia Henrique Monteagudo dera lectura á acta na que se acordaba a celebración do Plenario en Ponteceso, tomou a palabra o historiador e membro de número desta corporación, Ramón Villares, quen centrou a súa alocución na análise do perfil histórico e ideolóxico de Eduardo Pondal, desde os seus anos de formación na Universidade de Santiago de Compostela -á beira de Murguía, Rosalía e Aurelio Aguirre, cando toma conciencia da necesidade de construír literariamente Galicia- ata a decisión final de consagrar a súa vida a ese obxectivo: "Pondal considerábase a si mesmo un ourive que tiña como misión refinar a linguaxe poética galega, construíndo un edificio literario que posuía unha clara intencionalidade patriótica alicerzada sobre os eixos do celtismo, o ossianismo e romanticismo". Ramón Villares puxo o ramo ao seu discurso evocando as palabras de Vicente Risco sobre o Bardo bergantiñán: "Pondal foi un profeta do pasado, porque soñar con tempos pasados é soñar co futuro".

Xosé Luís Franco Grande dando lectura ao seu discurso.
Xosé Luís Franco Grande dando lectura ao seu discurso.


A continuación, o membro de número da Academia Xosé Luís Franco Grande deu lectura a unha disertación na que analizou a relación entre Pondal e Manuel Murguía: "A influencia de Murguía sobre Pondal foi asoballante, ata o punto de que a obra do poeta non pode ser entendida cabalmente sen considerar este feito". Unha influencia que Franco Grande considerou, secasí, "benéfica e vivificante" para as dúas partes: "Ambos os dous compartían unha visión de Galicia como comunidade diferenciada e unha marcada idea de galeguidade, e operaron mediante un reparto do traballo: Pondal ocupouse da misión estética, Murguía da histórica e da política". O escritor de Tomiño rematou a súa intervención sinalando a necesidade de regresar unha e outra vez sobre a obra pondaliá: "O derradeiro Pondal está aínda por descubrir".

O acto foi clausurado coa interpretación do Himno de Galicia.