Manuel María Fernández Teixeiro ingresou na Real Academia Galega, nunha cerimonia celebrada no auditorio municipal de Vilalba no 2003, o ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Antón Avilés de Taramancos. Coma o escritor barbancés, Manuel María, o protagonista do 17 de maio de 2016, foi parte da Xeración dos 50, a encargada de recuperar a tradición literaria e facer de ponte entre a xeración xurdida antes da sublevación franquista e as que apareceron despois, lembrou o propio poeta chairego no seu discurso. Baixo o título A Terra Chá: poesía e paisaxe, o novo académico centrou as súas palabras nos poetas xa finados naturais desta comarca. "Ninguén dubida que a Terra Chá é unha patria poética", afirmaba nun discurso no que subliñaba ademais a importancia de transmitir a lingua galega de xeración en xeración. "O idioma non é, exclusivamente, noso: pertence aos devanceiros e aos que nos sucedan. Nós unicamente recibimos a lingua en usufructo e temos a obriga de conservala e mellorala (...). Se un idioma morre, morre tamén o pobo que o fala", advertía.
Moitos poetas chairegos estudaron no Seminario Diocesano de Santa Catalina de Mondoñedo, onde adquiriron "unha gran formación clásica e as esencias máis puras e fondas da latinidade". "Eles trouxeron á poesía galega o engado das églogas virxilianas, o equilibrio horaciano, as escuridades das noites de Ovidio no afastado Punto Euxino e a saudade melancólica dos elexíacos. Para nós, os ritmos da paisaxe chairega son os mesmos que os dos hendecasílabos de Aquilino Iglesia Alvariño, música aprendida nos hexámetros de Virxilio", salientaba.
Dentro da "Escola poética da Terra Chá", Manuel María confesaba ese día a "irreprimíbel simpatía" que sentía pola "Subescola poética vilalbesa", antes de recitar algúns versos de Xosé Luís García Mato (1924-1980) e Xosé María Chao Ledo (1844-1894), polos que "circulan toda clase de ventos". Ao seu xuízo, "A volta da primaveira", de Chao Ledo, é un dos máis fermosos poemas desta corrente, caracterizada como "conservadora, bilingüe, localista e costumista".
Pero os grandes poetas da Terra Chá, os que forman "unha triloxía máxica", eran, para Manuel María, Xosé Crecente Vega (1896-1948), Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961) e Xosé María Díaz Castro (1914-1990), cuxos versos tamén soaron por boca do académico na cerimonia de ingreso. De Crecente Veiga, salientou que a súa é unha poesía rica e apaixonante, de temática rural mais non ruralista, que se identifica co vivir labrego da súa bisbarra nativa. "É unha poesía que, malia a ser sinxela, non é nada simple e nela reflíctese a experiencia e a asimilación dunha cultura moi anterga", engadía. Da obra de Xosé María Díaz Castro valoraba Manuel María a súa economía expresiva "maxistral e un asombroso poder de suxestión" e consideraba que o poeta dos Vilares acadara na súa obra poética unha síntese de paisaxismo, intimismo e o que se pode denominar "telurismo cósmico". Mais "o gran poeta da paisaxe chairega", afirmaba, era Aquilino Iglesia Alvariño: "Para nós Aquilino é o gran cantor e intérprete das paisaxes chairegas que tan emocionadamente contemplou dende o seu Seivane natal, nas brañas de Abadín dende as que se divisa toda a Terra Chá. Non cabe dúbida de que se sentía chairego".