Peña Novo, Risco e Cabanillas, protagonistas dunha nova mesa de debate en Lugo

O vilalbés Lois Peña Novo será unha das figuras recordadas este xoves, 10 de novembro, na mesa sobre as Irmandades da Fala que a Real Academia Galega celebrará no Pazo de San Marcos de Lugo, a partir das 19.30 horas. O académico Darío Xohán Cabana moderará o encontro no que o escritor Manuel Roca Cendán falará sobre o pensamento de Peña Novo, a académica correspondente Olivia Rodríguez profundará na figura de Vicente Risco e o académico de número Francisco Fernández Rei achegará o público a Ramón Cabanillas.

Pola esquerda, Lois Peña Novo, Vicente Risco e Ramón Cabanillas


A cita, de entrada libre, desenvólvese no mesmo espazo onde pode verse ata o 27 de novembro a exposición Saúde e Terra irmá(n)s!, coorganizada pola RAG, a Deputación da Coruña e o Museo do Pobo Galego. Esta mostra, que chega a Lugo co apoio da súa Deputación Provincial, é unha das iniciativas coas que a Academia está a celebrar o centenario da fundación das Irmandades da Fala, movemento esencial para a dignificación da nosa lingua e para a modernización da nosa cultura no primeiro terzo do século XX. A itinerancia en Lugo coincide co aniversario da celebración nesta cidade, en 1918, da I Asemblea Nacionalista, na que as Irmandades da Fala deixaron definitivamente atrás o rexionalismo e se definiron como nacionalistas. Outras das accións destacadas da RAG co gallo desta conmemoración é o ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, do que forma parte esta nova mesa, que a Academia celebra coa colaboración da Xunta, a Deputación de Lugo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Manuel Roca Cendán ofrecerá o relatorio titulado Lois Peña Novo: o soño do desenvolvemento de Galicia, no que abordará o pensamento político e económico do avogado, político e xornalista vilalbés, sobre o que ten publicado un libro (Pensamento político e económico de Lois Peña Novo, en Edicións do Castro). Peña Novo (Vilalba, 1893 – Outeiro de Rei, 1967) formou parte das Irmandades desde os seus comezos e en novembro de 1916 foi un dos fundadores da agrupación vilalbesa. En 1918 participou na redacción do manifesto aprobado na I Asemblea Nacionalista e en 1920 converteuse no primeiro concelleiro electo nunha candidatura nacionalista galega. Na súa toma de posesión do cargo de edil da Coruña, Lois Peña Novo converteuse na primeira persoa en empregar o galego nun acto oficial nun salón de plenos municipal.

A profesora da Universidade da Coruña e académica correspondente Olivia Rodríguez centrarase no perfil do ourensán Vicente Risco (Ourense, 1884 – 1963), unha das personalidades máis relevantes da xeración Nós, e tamén un dos máis importantes teóricos da historia do nacionalismo galego. Pola súa banda, o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e académico de número Francisco Fernández Rei dedicará a súa intervención ao poeta Ramón Cabanillas, cambadés coma el, aclamado como o "poeta da raza".