Casa natal de José Ogea na Cortegada
Introducidos en 1845, tiveron unha longa vida e, a pesar de seren suprimidos varias veces, entre elas durante o Sexenio Revolucionario, estiveron en vigor ata 1911, cando unha lei do goberno liberal do galego José Canalejas acordou a súa supresión progresiva.
Durante a súa vixencia, constituíron un dos principais medios de financiación dos municipios, así como unha das taxas que máis oposición popular suscitou, especialmente no mundo rural, pois gravaba dobremente os campesiños: ao mercaren bens para a súa subsistencia, e tamén ao acudir eles mesmos ás vilas para venderen os seus produtos agrícolas, dando lugar a frecuentes protestas e revoltas coñecidas como "motíns de consumos".
O documento que publicamos hoxe, e que se pode descargar nesta ligazón, procedente do Fondo José Ogea (Cortegada, 1845-1909), é un panfleto dirixido aos veciños da parroquia de Valongo de Refoxos, na Cortegada, para denunciar os abusos cometidos por un tal "Pequeno" no cobro dos consumos. O panfleto, redactado en galego, podémolo datar en 1909, no tempo cando se produce a confluencia na acción política entre agrarismo e rexionalismo. Alén do seu valor como testemuño histórico, o panfleto chama a atención tamén pola economía e naturalidade das solucións lingüísticas empregadas, así como pola presenza de abondosas formas dialectais propias da fala do Ribeiro.