Pandeireteiras, cantos de cego e o afiador que inspirou a Miles Davis

As das Cantigas de Santa María son, xunto coas do Pergamiño Vindel, as partituras de música galega máis antiga que chegaron aos nosos días. Compostas e transcritas no século XIII, son unha mostra excepcional da música culta do momento pero nelas tamén deixou rastro a popular. Oitocentos anos despois a convivencia entre ambas as manifestacións continúa, como prosegue a fusión de ritmos, estilos e instrumentos tradicionais cos chegados doutras latitudes que acaban sendo considerados propios. O zanfonista Mauro Sanín demostroullo este xoves ao alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas cun percorrido pola historia da música popular do país no que se detivo nos cantos de cego, as pandeireteiras e a emerxencia da figura do gaiteiro como símbolo identitario ou das bandas. E tamén noutra mostra de fusión do popular e do erudito, desta volta trasatlántica: "The pan piper", o xeito do trompetista de jazz Miles Davis de revisitar a "Alborada de Vigo" interpretada cun chifro de afiador ou capador (siringa).

Mauro Sanín percorreu a historia da música popular galega e interpretou ..... Fonte: RAG


A comezos dos anos 50, Alan Lomax viaxou por España para avanzar no proxecto que emprendera de recollida de músicas de todo o mundo. Naquela estadía, o etnomusicólogo estadounidense realizou as primeiras gravacións musicais feitas en Galicia con propósito documental. Entre elas figurou a da "Alborada de Vigo" interpretada cun chifro polo afiador e castrador ourensán José María Rodríguez. Lomax editouna xunto a outras 29 pezas en 1953 no disco The Spanish recording: Galicia, que chegaría aos oídos de Miles Davis. Anos despois, o trompetista internacionalizaría a nosa alborada no disco Sketches of Spain (1960), que lle inspirou o comezo de "The pan piper", explicou Mauro Sanín. O músico, produtor e comunicador incluíu ambos os temas na escolma musical coa que ganduxou un percorrido pola historia sonora do país co propósito de reflexionar sobre o que se entende hoxe por música popular galega.

A conferencia arrincou no medievo coa miniatura de dous zanfonistas da Cantigas de Santa María como pano de fondo e rematou co propio Mauro Sanín tocando neste mesmo instrumento, que tantos séculos despois "segue funcionando exactamente igual", unhas variacións d'O brumeigho, xota valseada composta polo gaiteiro Edelmiro Fernández. A zanfona é en Galicia "un dos instrumentos máis representativos pero menos tocados", e a súa imaxe estivo ata as primeiras décadas do século XX vencellada aos cegos que levaban os seus cantos polas feiras. Á marxe dos compositores e intérpretes da música culta encargada pola Igrexa e a nobreza, "os cegos foron os únicos músicos profesionais que existiron na sociedade rural durante moito tempo" e animadores ambulantes que ían de vila e vila interpretando romances que vendían nos chamados pregos de cordel, as follas de papel nas que se reproducían as letras.

Os cantos de cego son só unha parte da chamada música tradicional popular galega, unha expresión colectiva en constante transformación en cuxa historia hai un claro punto de inflexión: o momento das revolucións liberal e industrial. Os sons rurais anteriores conforman "un corpus bastante descoñecido" porque ata o padre Sarmiento non se conservan apenas documentos sobre a música popular, pero no século XIX a percepción mudou e esta empezou a ser recoñecida como un valor do pobo que debía ser reivindicado, repasou o relator.

"Nesta época hai moitas obras literarias con referencias musicais, como os Cantares Gallegos de Rosalía ou A gaita gallega de Pintos. Isto reflicte a importancia que tivo a música para os autores do Rexurdimento, o pensamento identitario adoptouna como unha das partes máis importantes da nosa cultura. É un fenómeno que se deu en toda Europa e que tamén chegou a Galicia malia atopármonos nun recuncho", proseguiu Mauro Sanín. A primeira música nacionalista galega combinou así composicións que seguían a moda dos lieder alemáns para musicar versos de poetas da terra coa música popular, que adaptou novos ritmos chegados doutros puntos da península Ibérica, Europa e América, como os valses, as mazurcas, as polcas ou as habaneras e veu nacer, por influxo francés, as primeiras bandas, que trouxeron consigo instrumentos de vento e metal hoxe considerados tradicionais.

"No século XIX o gaiteiro acompañado do tambor consolídase como imaxe simbólica da música tradicional, pero talvez a máis representativa de Galicia sexa a música vocal, a interpretada polas pandeireteiras"É tamén no século XIX cando se consolida como imaxe simbólica da música tradicional a do gaiteiro acompañado do tambor, rexistrada en 1904 polo coro Aires da Terra no primeiro disco de música galega. "Pero talvez a máis representativa de Galicia sexa a música vocal, a interpretada polas pandeireteiras", matiza Mauro Sanín. "Aínda que esta era a máis común e identificativa, a representatividade, nunha sociedade patriarcal como a do século XIX, recaeu sobre o gaiteiro acompañado do tamborileiro, porque eles tocaban nas festas, fóra da casa, no espazo público, e as mulleres facíano no espazo privado. Pero foron as mulleres as que realmente transmitiron as formas esenciais da música, como en todas as culturas", salientou.

A falta de recoñecemento das mulleres como creadoras de música mantívose durante moito tempo. Alan Lomax rexistrara as súas voces, mais houbo que agardar a comezos da década dos 80 do século XX para que unhas pandeireteiras, as de Mens, subisen por primeira vez a un palco como protagonistas, lembrou Mauro Sanín. Naqueles anos a música galega proxectábase no mundo baixo a "etiqueta comercial de música celta" da man de grupos como Milladoiro. Xa en pleno século XXI, o legado conservado durante tanto tempo polas mulleres galegas revive con forza e evolúe, como sempre fixo a música popular, con novas achegas como as das pandeireteiras de Leilía ou Mercedes Peón, e un público que o reivindica, xunto co baile, cun orgullo que ten unha "dobre vertente de ocio e identitaria", concluíu Mauro Sanín, que animou o alumnado a gozar das foliadas estivais.