Que características definen, ao teu parecer, a obra de Vidal Bolaño?
A procura, moitas veces lograda, de achegar a Galiza, e dende o galego, un teatro moderno, de estrutura actual, sempre sen perder contacto coa –escasa- tradición. Un teatro máis ao día que, sen renunciar á visión culta desa arte, puidese espertar a imaxinación do espectador fóra da súa actitude diante do espectáculo e facendo por introducilo na realidade cultural, social e mesmo política do país, en bastantes ocasións cun intelixente uso de textos literarios, propios e alleos.
Que importancia tivo a súa figura –como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
Eu diría que capital. A súa decisión de rachar de vez coas vellas estruturas dun teatro levado con admirable boa vontade por persoas entregadas ao que non daba pasado de ser unha sacrificada afección e facer oficio diso foi, sen dúbida, a fiestra aberta pola que entrou outro xeito de entender o teatro, dignificando o espectáculo e, moi principalmente, a aqueles que o fan.
Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
Aquela que se lle saiba aproveitar. Co bo teatro –como é o de Roberto Vidal- sempre existe a posibilidade de axeitalo a diferentes momentos históricos sen que perda vixencia e mesmo, con oficio e imaxinación, mandalo unha miga máis adiante que sempre haberá quen o reciba.