Ourense homenaxea a Víctor Campio Pereira

Ourense rendeulle tributo este xoves 19 de outubro ao escritor Víctor Campio Pereira (Garabás - Maside, 1928) nun acto organizado polo Ateneo de Ourense e o PEN Galicia. O escritor, membro correspondente da Real Academia Galega, participou emocionado na homenaxe que se desenvolveu no Centro Cultural Marcos Valcárcel. O académico Xesús Alonso Montero interveu na celebración en representación da RAG.

Víctor Campio Pereira, segundo pola dereita, posa acompañado por representantes de distintas institucións momentos antes do inicio da homenaxe. Fonte: Ateneo de Ourense


Víctor Campio Pereira (Maside, 1928) ten publicados catro libros de poesía -O ar que nos leva (1987), Perdida luz (2000), O aire, a luz e o canto. Poesía reunida 1987-2006 (2008) e Quince sonetos de amor e once poemas máis. É tamén autor da novela Baixo o sol do Magreb (1998) e do ensaio Escritos en do menor (2001), e participou nas obras colectivas Sete poetas ourensáns (1992), Poesía dos aléns (2003) e Poetas e narradores nas súas voces. II (2006). Foi tamén articulista en revistas e xornais, especialmente en La Región.

Alén da súa obra literaria, Víctor Campio Pereira participou activamente desde os últimos anos da ditadura na vida cultural de Ourense, onde se xubilou como profesor de secundaria no IES As Lagoas. A súa carreira docente empezouna como mestre, profesión que exerceu en distintos puntos de España e Galicia. Máis adiante licenciouse en Filoloxía Hispánica na Universidade Complutense de Madrid e dedicouse á formación do profesorado ata que acadou destino na capital ourensá.

A súa traxectoria foi recoñecida pola RAG en 2010 ao nomealo académico correspondente. Ese mesmo ano foi distinguido como fillo predilecto do Concello de Maside e en 2011, membro de honra da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. Un ano despois obtivo o premio Sete Carballas da Insua dos Poetas.

Na homenaxe de onte tomaron a palabra para loar a súa figura a presidenta do Ateneo de Ourense, Isabel Salgado Parada, o presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar, o escritor Edelmiro Vázquez Naval e Manuel Outeiriño. A acordeonista Celia Adrián Rodríguez púxolle a nota musical ao encontro no que tamén se escoitaron versos de Víctor Campio Pereira nas voces de Carmen e Isabel Pereira Nolasco, Marisa Calvo, Manuel Blanco, Carmen Lorenzo e Andrés Fernández.

Pode ver o vídeo con imaxes da vida de Víctor Campio Pereira do Ateneo de Ourense nesta ligazón.