Otero Pedrayo evoca a Antón Vilar Ponte

O 22 de febreiro de 1970, Ramón Otero Pedrayo enviáballe a Xosé Chao Espina unha carta na que trazaba un retrato biográfico e persoal do seu amigo Antón Vilar Ponte.
Vales Villamarín e Chamoso Lamas
Acto da Academia no Concello de Viveiro o 17 de maio de 1977, no Día das Letras Galegas dedicado a Anton Villar Ponte


Pasaran xa máis de trinta anos desde o pasamento do xornalista viveirense, cando Otero Pedrayo lle envía ao membro de número da Academia Xosé Chao Espina unha longa misiva na que fai memoria de quen fora o seu amigo e compañeiro de militancia no Partido Galeguista, Antón Villar Ponte (1881-1936).

Otero Pedrayo comeza a súa evocación definindo a Villar Ponte como un "republicán" da liñaxe dos Víctor Hugo, Carducci e Guerra Junqueiro, e sitúao, literariamente, na veciñanza da poesía civil e epigramática de Curros, máis que na da escola épica pondaliá.

A seguir, Otero Pedrayo fai lembranza do enterro de Villar Ponte ("Sen himnos nin verbas. Silenzo impresoante"), que tivera lugar, en marzo do 36, na súa vila natal de Viveiro, e á que acudiron desde Ourense Vicente Risco, Alexandre Bóveda e él mesmo na compaña dun estudante galeguista, Ánxelo Ramos Pérez Colemán, que recollen en Compostela. Á cerimonia civil asisten, así mesmo, os líderes políticos galeguistas máis destacados naquela altura: Castelao, Suárez Picallo e Gómez Román.

O de Trasalba dá noticia tamén da estreita amizade que mantiveran Antón Vilar Ponte e Noriega Varela cando os dous vivían en Foz, un vencello roto, segundo Otero, "pola conduta do poeta, que se deixou levar por Riguera Montero, nemigo dos galeguistas". Secasí, en 1924 Otero é testemuña, na Coruña, da reconciliación dos dous vellos amigos.

Entre as anécdotas do viveirense recollidas por Otero Pedrayo na súa evocación, salienta un duelo a espada en Cuba no que Villar Ponte refugara baterse descalzo por vergoña a expoñer os seus calcetíns rotos á vista do público.

A carta orixinal de Otero Pedrayo pódese ler nesta ligazón, e unha copia transcrita nestoutro vinculo.

Acto na Praza Maior de Viveiro o Día das Letras de 1977
Acto na Praza Maior de Viveiro o Día das Letras de 1977