Os XXXI cursos "Galego sen fronteiras" conclúen coa entrega de diplomas

Os XXXI Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" concluíron hoxe co acto de entrega de diplomas aos 75 alumnos e alumnas procedentes de vinte e cinco países de Europa, América, Asia e África. Na cerimonia tamén recibiu simbolicamente un pequeno diploma Noa, a filla de cinco meses de Katalin Farkasinszki, unha das estudantes que este ano cursou o nivel superior despois de participar nesta iniciativa noutras dúas edicións anteriores. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, referiuse a nai e filla, procedentes de Hungría, como exemplo do interese polo galego e por Galicia que esperta esta iniciativa desde hai máis de tres décadas en persoas chegadas a Santiago de Compostela desde todo o mundo, sempre dispostas a regresaren a que "é a vosa casa", salientou. Todas elas, unhas 2.900 nestas máis de tres décadas de vida dos cursos son, reiterouse no acto de clausura, representantes dalgún xeito de Galicia no exterior.

Foto de familia do alumnado e dos representantes das institucións organizadoras e colaboradoras dos cursos. Fonte: RAG


A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da USC organizan desde 1988 os cursos "Galego sen fronteiras", que contan co apoio da Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Polas súas aulas pasaron moitas persoas que hoxe son referentes na tradución, investigación e ensino da lingua e a cultura galegas no exterior.

No acto de clausura da última edición, celebrado na Facultade de Filosofía, interviñeron, ademais do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o director do ILG, o académico e codirector dos cursos Xosé Luís Regueira; a académica correspondente Carme Pazos, en representación do profesorado; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez.

O presidente da RAG mostrou a súa satisfacción polas ganas de volver a Galicia coa que marchan os estudantes, porque demostra o seu interese en seguiren "vencellados a esta experiencia de vivir que é unha lingua, a representación simbólica universal que fai un pobo de si mesmo pero para compartir cos demais". "As linguas non viven unhas contra as outras, senón unhas a carón das outras. Isto é o que compartimos", expresou Víctor F. Freixanes.


Katalin e a pequena Noa recollen os seus diplomas. Fonte: RAG
 

Pola esquerda, Xosé Luís Regueira, Víctor F. Freixanes, Víctor Arce, Valentín García e Carme Pazos. Fonte: RAG


O director do ILG, Xosé Luís Regueira, agradeceulles tamén todo o compartido. "Na cuestión das linguas, canto máis damos máis recibimos, e aquí tamén se produce isto: estivestes recibindo algo de nós, pero tamén nos dades moito", salientou. "Levades a nosa lingua, un cachiño de Galicia, da cultura galega e dos nosos corazóns", engadiu. O académico referiuse tamén á súa experiencia como profesor hai anos nestes cursos, "unha das experiencias máis gratas como docente", confesou. A profesora Carme Pazos coincidiu neste punto. "Ensinar nestes cursos é unha experiencia que non se parece a ningunha outra, esperamos volver vervos por aquí", dixo.


Fonte: RAG


"Desde hoxe, vós sodes emisarios e representantes dalgún xeito da nosa lingua e cultura no exterior. Sodes xa algo galegos e galegas a partir de agora. Recibirémosvos sempre cos brazos abertos", engadiu pola súa banda o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Por último, o vicerreitor Víctor Arce quixo facer súas as palabras do presidente da Academia na inauguración dos cursos e mostrouse tamén convencido de que o alumnado dos cursos "Galego sen fronteiras" enriquece a lingua galega.