Hemeroteca

Os primeiros pasos do idioma galego na prensa: a Gazeta marcial y política de Santiago

É probable que a primeira vez que o noso idioma se empregou nunha publicación periódica foi nas páxinas da Gazeta marcial y política de Santiago, editada en Compostela durante os anos 1812-1813 baixo a responsabilidade do impresor Manuel Antonio Rey e do director Juan Bautista Caamiña

Cabeceira do primeiro número da Gazeta marcial y política de Santiago. Fonte: RAG

Se cómpre situarmos os inicios da prensa en Galicia no ano 1800 cando saiu do prelo en Santiago de Compostela o efémero El Caton compostelano, e despois no ano 1808, data da aparición do Diario de la Coruña e do Diario de Santiago, non temos constancia de que se utilizase o galego nas publicacións periódicas ata que apareceu en febreiro de 1812 a Gazeta marcial y política de Santiago. É no seu número 2, do 5 de febreiro, onde podemos ler o primeiro texto en galego: titúlase "Carta recomendada" e vén asinado por Ramón González Senra (probablemente un pseudónimo). Trátase dun artigo de propaganda política a prol do liberalismo no que se gaban as vantaxes de certas reformas liberais asemade se defende a idea da soberanía popular en contraposición ao poder absoluto do monarca. Nas páxinas da Gazeta aparecerán posteriormente outros artigos en galego de maior ou menor extensión e todos eles de propaganda liberal: o "Artículo comunicado" de Xân de Mingucho (número 70, 29 de setembro de 1812); a "Conversacion entre los compadres Bértolo y Mingote" (número 12, 9 de febreiro de 1813); ou a conversa entre catro labregos no adro dunha igrexa (número 30, 1 de abril de 1813).

As primeiras liñas da "Carta recomendada". Fonte: RAG

A Gazeta non foi a única publicación periódica existente neses anos na que os lectores acharon escritos en galego, pois tamén os podían ler nas páxinas doutras publicacións coetáneas e inmediatamente posteriores: por exemplo, no Diario civico-patriótico ou na Estafeta de Santiago, dúas revistas que atesoura a Biblioteca da Real Academia Galega xunto coa Gazeta marcial y política de Santiago.

Mais o uso do galego na propaganda política non era unha novidade por volta de 1812. Con anterioridade xa saíran á luz, entre 1808 e 1810, algunhas follas soltas e folletos a xeito de manifestos patrióticos chamando á guerra contra os franceses. Máis tarde os escritos centráronse no conflito político entre absolutistas e liberais. E nese contexto publicáronse varias obras en galego ben coñecidas, das que salientan Os Rogos d'un gallego (1813) de Manuel Pardo de Andrade, o Dialogo entre Dominjos è Farruco (1820) ou La Tertulia en la Quintana (1820). Neses anos o galego seguiu tendo presenza na prensa, principalmente en artigos de temática política inseridos en cabeceiras como El Ciudadano por la Constitucion da Coruña ou El Heráclito español, y Demócrito gallego de Compostela.

Nesta ligazón é posible consultar a Gazeta marcial y política de Santiago na nosa Hemeroteca Virtual.