Bernardino Graña é autor dunha ampla obra que abrangue distintos xéneros. Como poeta, os seus primeiros versos viron a luz na revista Alba, de cuxo consello de redacción pasou a formar parte no ano 1952. Foi parte da xeración das Festas Minervais, nas que acadou premios en distintas ocasións, e participou na formación do Grupo Brais Pinto en Madrid no 1958, ano no que saíu do prelo o seu primeiro libro, Poema do home que quixo vivir. Profecía do mar (1966), Non vexo Vigo nin Cangas (1975), Se o noso amor e os peixes... (1980) ou Berros no roncar das ondas (2012) son outros dos títulos destacados da súa obra poética.
Como dramaturgo salientan Vinte mil pesos crime (1962), Sinfarín contra don Perfeuto (1975) e Os burros que comen ouro nunca cabalos serán. Catedrático de Lingua e literatura no ensino medio ata a xubilación, Bernardino Graña é tamén autor dunha destacada obra dedicada ao público infantil, con títulos como O león e o paxaro rebelde (1991), Fins do mundo (1974), Planeta dos ratos tolos (1990) ou O quirico lambón (1997).
No ano 1971 foi impulsor do primeiro intento de formar un centro PEN Galicia canda Eduardo Blanco Amor e outros autores, e máis adiante sería presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.