Os Premios da Cultura Galega distinguen a Queizán, Zernova, Sarabela Teatro e a Irmandade Xurídica

A escritora María Xosé Queizán, Sarabela Teatro, a Irmandade Xurídica Galega e Elena Zernova son parte dos galardoados nos Premios da Cultura Galega 2016. O xurado, no que participou a Real Academia Galega, decidiu concederlles as distincións nas modalidades de Letras, Artes escénicas, Lingua e Proxección Exterior, respectivamente. Tamén foron recoñecidos o Museo de Pontevedra (Patrimonio cultural), Miguel Fernández-Cid (Artes plásticas), Maximino Zumalave (Música) e a cooperativa Numax (Audiovisual).

A premiada en Letras, María Xosé Queizán (Vigo, 1939), escritora e pensadora feminista, é autora de trinta obras individuais de distintos xéneros e estilos. Como ensaísta publicou A muller en Galicia, Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial e Recuperemos as mans, entre outros títulos. Como poeta, asinou Metáfora da metáfora, Fóra de min, Despertar das amantes ou Non o abras como unha flor; e como narradora, A orella no buraco, Amantia ou a biografía Emilia Pardo Bazán. Unha nena seducida polos libros. Na actualidade dirixe a revista Festa da palabra silenciada.

Elena Zernova, distinguida na modalidade de Proxección exterior, dirixe o Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petesburgo, posto en marcha en 1993, e é vicepresidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos desde 2005. Na actualidade, o centro que dirixe é unha referencia no ámbito internacional na tradución ao galego.

Sarabela Teatro é, pola súa banda, a compañía galega privada que acadou máis premios María Casares e leva desde a década dos oitenta representando os seus espectáculos en Galicia e por todo o mundo. Na modalidade de Lingua, A Irmandade Xurídica Galega é a premiada deste ano en recoñecemento do seu labor ao prol do uso da lingua propia no exercicio da xustiza, continuando unha tradición iniciada por persoeiros como o que foi presidente de RAG Sebastián Martínez Risco, o tamén académico Valentín Paz Andrade ou Lois Peña Novo.

O galardón de Patrimonio Cultural é para o Museo de Pontevedra, dirixido e impulsado durante décadas por Xosé Filgueira Valverde, polo seu labor de conservación, exhibición, investigación e difusión de pezas de gran valor da nosa cultura.

O director e pianista compostelán Maximino Zumalave na categoría de Música; a cooperativa Numax, primeira sala de cine galega integrada na Rede de Exhibición Europa Cinemas, na modalidade de Audiovisual; e o crítico de arte Miguel Fernández-Cid, na de Artes plásticas, completan a lista de galardoados na última edición destes premios da Consellería de Cultura.