A Asociación Española de Críticos Literarios concede dende o ano 1956 estes galardóns que recoñecen os mellores libros de narrativa e poesía publicados en España no ano anterior nos catro idiomas oficiais do Estado. En lingua catalá, os premiados nesta edición foron Albert Pijuan por Tsunami e María Josep Escrivà por Sempre és tard; en éuscaro, Pello Lizarralde Argiantza por Argiantza en Jon Gerediaga por Natura berriak; e en lingua castelá, Arturo Pérez-Reverte por Línea de fuego e Ramón Andrés por Los árboles que nos quedan.
O último libro de Ana Romaní está escrito dende “unha voz-corpo, físico e tamén social” que aborda as ameazas do mundo contemporáneo dende un construto simbólico que remite a “cartografías inhóspitas e a territorios devastados e oprimidos”, destaca o xurado dos Premios da Crítica. A obra recorre ademais a imaxes que contrapoñen o humano e o animal, o vexetal ao mineral “para remarcar a idea de extenuación e resistencia dos obxectos”, engade.
A de Ana Romaní é unha das voces fundamentais da poesía galega contemporánea e do xornalismo cultural, eido no que foi recoñecida co Premio Nacional de Xornalismo Cultural do ano 2018. Como poeta, en 1987 publicou o seu primeiro poemario, Palabra de mar, ao que seguirían Das últimas mareas (1994), Arden (1998), Love me tender. 24 pezas para unha caixa de música (2005) e Estremas (2010), co que gañou o Premio Ánxel Casal ao libro de poesía do ano 2010, concedido pola Asociación Galega de Editores, o de Creación Literaria dos Premios da Crítica Galicia 2011 e o Premio de Poesía da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (2011). Tras dez anos de silencio, en 2020 saíu do prelo A desvértebra, que tamén colleitou o recoñecemento da crítica.
O Premio da Crítica na modalidade de narrativa en lingua galega é para a última novela de Inma López Silva, O libro da filla, editada por Galaxia. A novelista, ensaísta e crítica de teatro aborda nesta historia dende unha perspectiva orixinal a cuestión dos abusos no ámbito familiar e abraia “pola súa capacidade de adiantarse premonitoriamente ao impacto da irrupción da extrema dereita na nosa sociedade”, valora o xurado. Con anterioridade, a autora foi recoñecida con galardóns como o Premio Xerais por Concubinas e o Premio Blanco Amor por Memoria de cidades sen luz.