"Os libros de Casares son mellores en cada nova lectura. É un clásico"

Ramón Loureiro acaba de publicar Casares (Trifolium), un novo título sobre o protagonista do Día das Letras Galegas de 2017 baseado nas conversas que mantivo co autor na súa casa de Vilariño (Nigrán) en 2002, só días antes do seu inesperado pasamento. O volume ilústrase coas fotos que el mesmo lle fixo, as derradeiras de Carlos Casares en vida. Unha delas é a que acompaña as súas respostas ao "Cuestionario Carlos Casares", no que louva a calidade literaria mais tamén a humana da figura que será homenaxeada o vindeiro 17 de maio.
Ramón Loureiro. Autor: Antonio Seijas

Que características pensa que definen mellor o legado de Carlos Casares?
Casares foi, na miña opinión, unha das figuras centrais da Galicia do século XX. Creo que non esaxero se digo, e en voz ben alta, que sen Casares Galicia sería hoxe completamente distinta. El fixo que o noso país acabase por ser infinitamente máis grande nos corazóns que nos mapas. Non traballou para si, senón para que existise un futuro. Homes coma Carlos, eses homes que fan posible o milagre, dan a medida da verdadeira grandeza dun país.

Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
Casares, como todo o mundo sabe, traballou en ámbitos moi diversos. Estivo sempre, sen pedir nada a cambio, alí onde o necesitaban. Particularmente, eu valoro sobre todo o seu legado literario, o seu labor como escritor, pero non se pode obviar tampouco a importancia de todo canto fixo á fronte da editorial Galaxia, na presidencia do Consello da Cultura, como mestre, no Parlamento -onde tanto traballou para normalizar a situación do galego- e, por suposto, como firme defensor da liberdade.

Que pegada coida que deixou na cultura galega?
A min paréceme que a pegada que Carlos deixou na cultura galega é tan grande que aínda nos falta perspectiva para vela na súa verdadeira dimensión. Resúltame prácticamente imposible imaxinar a cultura galega do pasado século sen Casares. El foi unha auténtica ponte, en si mesmo, entre a tradición e a modernidade. E sempre será un clásico.

Que vixencia conserva a súa creación?
Unha vixencia absoluta, que ademais estou convencido de que se irá incrementado co paso do tempo. Os libros de Carlos Casares son mellores con cada nova lectura. O que el escribiu xa habita a eternidade.


Carlos Casares na súa casa de Vilariño (Nigrán) co seu gato Samuel no colo. A fotografía é unha das que lle fixo Ramón Loureiro días antes do seu pasamento


Como coñeceu vostede a Carlos Casares? Que recordo garda del?
Persoalmente coñecino a través da editorial Galaxia, e quen mo presentou foi outro amigo moi querido, Damián Villalaín. E o recordo que gardo é un recordo que me enche de emoción. Como persoa, Carlos Csares era a mellor persoa do mundo. E un magnífico conversador. Acórdome del todos os días, e bótoo moitísimo de menos. Oxalá aínda estivese aquí. Eu, como lector del e como amigo, teño unha inmensa débeda persoal con Casares. Unha débeda que, por desgraza, xa non lle poderei pagar nunca. Pero por fortuna quédannos, e non é pouco, o seu exemplo, o seu recordo... e os seus libros.

Cal é a súa obra preferida de Carlos Casares? Por que?
Na miña opinión particular, o gran libro de Casares é Un país de palabras. Aí está todo. Todo Casares... e o mundo enteiro. Non só é un dos máis fermosos libros que se teñen dado á imprenta durante o século pasado, como efectivamente é, senón que ademais é un verdadeiro tratado da arte de existir.


Carlos Casares, no centro da imaxe, na presentación no centro Torrente Ballester de Ferrol de Calella sen saída (2001), de Víctor Omgbá, á súa dereita. Ao fondo, Ramón Loureiro