Os fillos de Tomás Barros doan á Real Academia Galega o seu arquivo persoal

A Real Academia Galega recibiu esta mañá a doazón do arquivo persoal do pintor, escritor e académico correspondente Tomás Barros Pardo (Toledo, 1922 - A Coruña, 1986). Os fillos do autor e doadores, Araceli e Tomás Barros Cao, presentárona acompañados polo académico Xesús Alonso Montero e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. Unha parte importante do seu legado ficará así na institución da que foi membro correspondente desde 1980.

Pola esquerda, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, Tomás e Araceli Barros Cao, fillos de Tomás Barros e doadores do seu arquivo á RAG, e o académico Xesús Alonso Montero posan xunto a unha pequena mostra dos documentos doados hoxe e o cadro de Barros 'Claroscuro na biblioteca', doado en 2013 á RAG.


"Este legado fortalece a Academia e é unha oportunidade para ordenar a memoria histórica e as achegas de Tomás Barros á cultura galega e á cultura en xeral", expresou Víctor F. Freixanes, que agradeceu a "gran xenerosidade" dos seus fillos ao pensar na Real Academia Galega para custodiar os documentos persoais dunha "figura sobranceira" das artes plásticas e da literatura galega que foi ademais "dinamizadora, capaz de construír proxectos como as revistas Aturuxo e Nordés". Xesús Alonso Montero salientou de igual xeito a importancia da doazón "á Academia, a Galicia e ao mundo", porque permitirá investigar tanto a figura de Tomás Barros Pardo como o movemento literario e artístico de varias décadas, do que el foi "un dos grandes protagonistas".

Araceli Barros Cao evocou a figura do seu pai, un home "moi humano", pero quixo lembrar tamén a súa nai, Sara Cao. "Se meu pai puido continuar moitas cousas, foi por ela. Era unha grande artista, porque entendía o meu pai, e tamén nos ensinou a nós a comprendelo", dixo.

Tomás Barros Cao profundou un pouco máis na obra do proxenitor e salientou o seu interese pola filosofía, "a súa verdadeira paixón", segundo lle confesou nunha ocasión. De aí o seu desexo, proseguiu, de que algún día alguén sexa quen de "extraer a súa parte filosófica" a través deste arquivo e dar á luz dous ensaios nos que traballou, La teoría de los contrarios e Los conflictos ideológicos y las tres modalidades de conciencia. Ambos tiveron ademais palabras de agradecemento para as persoas que axudaron á recuperación da figura do seu pai, parte delas presentes entre o público.

Un intelectual polifacético
Tomás Barros foi un dos intelectuais antifranquistas que ficou en Galicia mais compartiu inquedanzas con outros que marcharon ao exilio e cos que colaborou, como Luís Seoane, Celso Emilio Ferreiro e Rafael Dieste. A doazón realizada hoxe inclúe cadernos e milleiros de pregos manuscritos e mecanoscritos de textos literarios, reflexións persoais e correspondencia que constitúen unha importante fonte para investigar a vida e a obra do propio creador, mais tamén a doutros intelectuais e artistas e da época que viviron, tanto a través da correspondencia persoal que mantivo con eles como a documentación referida ás revistas de poesía que das que foi fundador e codirector: Aturuxo. Revista de poesía y crítica (1952-1960), en cuxas páxinas publicaron os grandes poetas galegos e españois do momento, e Nordés, posta en marcha en 1975 xunto á académica Luz Pozo Garza.


Manuscrito dun poema de Tomás Torres


Entre os documentos que custodiará a RAG, figuran escritos inéditos de Tomás Barros, borradores da súas obras publicadas, cartas de persoeiros como Gerardo Diego e Vicente Aleixandre (a quen coñecera nos anos de estudante en Madrid), Gabriel Celaya, Celso Emilio Ferreiro, Valentín Paz Andrade, Ricardo Carballo Calero ou Bernardino Graña ou manuscritos de textos escritos para Aturuxo por Ramón Otero Pedrayo e Luís Pimentel. A documentación inclúe ademais fotografías, recortes de prensa e partituras e gravacións musicais de Tomás Barros, grande afeccionado á música.


Carta manuscrita de Valentín Paz Andrade a Tomás Barros sobre a posta en marcha da revista Nordés e unha posible colaboración


Tomás Barros era fillo de galegos pero naceu en Toledo polo traballo do seu pai, mestre mecánico da Armada. En 1928 a familia instalouse en Ferrol e foi nesta cidade -na que viviría ata o seu traslado, en 1959, á Coruña- onde se iniciou, aos 14 anos, como pintor. Malia aprender xunto a Bello Piñeiro e estudar posteriormente Belas Artes na Escola de San Fernando (Madrid), axiña quedou cativado polas vangardas e foi evoluíndo desde o fauve cara á unha configuración máis expresionista e abstracta, pero sempre interesado polo polo contido humano da obra. A súa obra exhibiuse nunhas trinta exposicións tanto en Galicia como noutros puntos de España e mesmo en Londres. A RAG custodia unha mostra do seu traballo desde 2013 o óleo Claroscuro na biblioteca, que pode verse precisamente ás portas da biblioteca.

No eido literario, cultivou o teatro, a novela o ensaio e a poesía. Como poeta, gañou en 1973 o Premio Internacional de Poesía do Círculo de Escritores e Poetas Iberoamericanos de Nova York e publicou sete libros en vida, entre eles Berro diante da morte (Galaxia, 1964), cuxos borradores mecanografados, con anotacións na súa letra, forman parte da documentación doada. Como dramaturgo, é autor de obras como Panteón familiar, estreada en Santiago de Compostela en 1956, e Cos ollos do morto, estreada na Coruña en 1986, O dragón e A casa abandonada (publicadas en Grial en 1972 e 1985), e Fausto, Margarida e aqueloutro (O Castro, 1993, edición póstuma).