Imaxe da Galicia antiga, representada alegoricamente nun gravado da Historia de Galicia de José Verea Aguiar (1838)
A defensa da lingua do país, o rexurdimento da literatura galega, as tentativas de creación dunha bandeira e dun himno para Galicia, ou a fundación de institucións culturais propias, son diferentes manifestacións dun mesmo proceso que comezou a agromar a partir da segunda metade do XIX e que se desenvolveu ao longo do resto da centuria, continuando con máis forza no século seguinte. Estamos a falar da caracterización e reivindicación da personalidade propia do país, un proceso inspirado na convicción de que Galicia era unha nacionalidade histórica e que por tanto posuía unha identidade de seu que cumpría defender e potenciar. Pero hai que ter en conta que ese proceso levado a cabo en Galicia estaba incluído dentro do contexto máis amplo da reivindicación das identidades nacionais que tivo lugar por toda Europa durante o século XIX, e que ademais o caso galego a miúdo se inspirou no exemplo doutros países.
A historia resultou ser unha ferramenta esencial para todos os movementos de reafirmación nacional, e nisto Galicia non constitúe unha excepción. É verdade que aquí non foi posible lograr a institucionalización e profesionalización das disciplinas históricas ao longo do XIX, como si aconteceu noutras nacións europeas. Emporiso, tamén é certo que o interese pola historia galega foi unha das características máis acusadas do noso século XIX, pois desde moi cedo se sentiu a necesidade de coñecela e de estudala. Esa necesidade era moito máis urxente debido a que a comezos da centuria Galicia aínda non contaba con ningún libro -nin erudito nin de carácter popularizador- no que se explicase o devir histórico do país desde os tempos máis recuados deica o presente. No ano 1838 publicárase o primeiro volume da Historia de Galicia de José Verea Aguiar, mais a obra non tivo continuidade e só chegou a tratar da época antiga ata a dominación romana. Enténdese así que desde a prensa moitas voces reclamasen que se investigase o noso pasado e que se fixese realidade o proxecto de publicar unha completa Historia de Galicia.
Xa en 1842, nas páxinas de El Recreo compostelano, Antolín Faraldo laiábase de que a pesar de ser o XIX un século eminentemente histórico, Galicia aínda non contaba cunha verdadeira Historia de seu feita cun enfoque filosófico. Faraldo, quen coidaba que era na historia onde se aprendía a noción de liberdade e vía nos estudos históricos un motor de progreso, insistía na tarefa urxente de revelar o pasado para así poder mostrar as virtudes da poboación galega e para desmentir os falsos prexuízos dirixidos contra ela. (Acceda aquí ao artigo de Faraldo)
Máis de dez anos despois, Manuel Murguía volvía insistir, no xornal La Oliva, na mesma idea de que a historia de Galicia estaba aínda sen escribir, e aseguraba que esa era a razón pola que non se coñecían as glorias pretéritas da patria. Ademais desde este xornal vigués no que tanto participou fixo un chamamento aos lectores para que colaborasen con calquera persoa que se "arriscase" a escribir a nosa historia, fornecéndooo de documentos e de noticias. Podemos imaxinar que esa petición viña condicionada pola súas experiencias persoais, pois Murguía confesaba que levaba seis anos recadando informacións para confeccionar con elas unha Historia de Galicia. (Acceda aquí ao artigo de Murguía).
Pero a prensa da época non se limitou a ser unha simple palestra desde a que lamentar as carencias e propor posibles solucións, senón que ela propia adoptou unha participación activa na empresa de devolverlle a Galicia a súa historia. A realidade foi que a prensa tivo un protagonismo destacado na popularización do pasado galego. Sen dúbida El Recreo compostelano foi a primeira cabeceira na que os temas históricos ocuparon un lugar relevante. Aí Faraldo publicou as súas contribucións sobre a época céltica, o reino suevo e a cristianización. Ademais nas súas páxinas saíron á luz as primeiras pezas literarias inspiradas en acontecementos -reais ou imaxinarios- da nosa historia, a maior parte delas situadas nos tempos medievais e da autoría do director da revista, Antonio Neira de Mosquera. Este foi o xermolo a partir do cal abrollaría máis adiante o xénero da novela histórica galega, representada nesta centuria por Benito Vicetto e por Antonio López Ferreiro.
Tamén na actividade xornalística de Manuel Murguía temos outra mostra significativa de como se reflectiron na prensa os esforzos realizados por varios autores para investigar os feitos históricos e para dalos a coñecer ao público. Anos antes de que comezase a dar ao prelo os volumes da súa importante Historia de Galicia, el tamén presentou os primeiros ensaios do seu labor historiográfico en revistas e xornais. Por exemplo, o traballo titulado "Resumen de la Historia Política de Galicia" que se publicou no ano 1857 en La Oliva. No mesmo xornal apareceu en formato de folletín a versión inicial da súa biografía novelada do arcebispo compostelán Diego Xelmírez. Posteriormente outras revistas acolleron un avultado número de escritos historiográficos de Murguía.
O Recreo compostelano e La Oliva non foron as únicas publicacións periódicas interesadas polos asuntos históricos. Existiron moitas outras que incluíron achegas nas que se trataba o pasado desde perspectivas diferentes: artigos eruditos, recreacións literarias, biografías de persoeiros da nosa historia, edición de documentos, etc. Incluso houbo espazo para dar conta de achados arqueolóxicos que poderían deitar algunha claridade sobre os períodos máis recuados. Certas cabeceiras salientan pola presenza habitual de contribucións historiográficas: Galicia. Revista universal de este reino, de Antonio e Francisco Mª de la Iglesia; Galicia. Revista regional, de Andrés Martínez Salazar; a Ilustración gallega y asturiana, dirixida durante un tempo por Murguía; ou a Revista galaica de Benito Vicetto, que lle serviu ao seu director de órgano de expresión e de defensa das súas peculiares teorías históricas. En todas elas a historia foi un interese constante, aínda que non o único. Porén, o engado do pasado demóstrase sobre todo pola aparición, en 1882, da primeira revista galega dedicada en exclusiva á historia e ás ciencias históricas: Galicia diplomática, dirixida polo arquiveiro Bernardo Barreiro de Vázquez Varela. Nesta publicación foi recorrente o tratamento da historia galega, principalmente da época medieval, pero tamén apareceron traballos de paleografía, arte ou arqueoloxía, e ademais nela editáronse diversos textos medievais. A revista desapareceu en 1893, aínda que outras publicacións continuaron o seu exemplo, especialmente o Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Ourense, que iniciou a súa andaina en 1898; e a importante Galicia histórica (1901-1903), especializada na edición de documentos da nosa Idade Media e que dirixiu Antonio López Ferreiro, o gran erudito compostelán que tamén inaugurou a finais da centuria a novela histórica escrita na nosa lingua.
Moitas das revistas que se mencionaron aquí pódense consultar integramente na Hemeroteca Virtual da Real Academia Galega.