"Os estranxeiros tamén contribuímos á normalización da lingua"

Tiña outros plans para o verán de 1988, pero finalmente Johannes Kabatek (Stuttgart, 1965) animouse a cruzar media Europa nun dous cabalos para participar na primeira edición dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras". Vinte e oito anos despois, o catedrático de Lingüística Románica da Universidade de Zürich volveu hoxe a Santiago de Compostela como convidado desta iniciativa organizada pola Real Academia Galega, desta volta para impartir unha palestra na que repasou a historia do galego contemporáneo cunha "mirada desde fóra entre datos e impresións".

Johannes Kabatek

O profesor Kabatek lembrou ante o alumnado dos cursos, procedente de 16 países, o ambiente daqueles "primeiros anos da normalización lingüística", que foron os das primeiras xeracións que aprenderon galego na escola, do reforzamento de "núcleos moi comprometidos" co estudo da lingua, do xurdimento do fenómeno dos neofalantes ou da aparición da TVG e da Radio Galega. Neste contexto, alimentado ao abeiro da Lei de normalización lingüística, nacerían tamén os Cursos "Galego sen Fronteiras". "Creáronse coa idea de que os estranxeiros tamén damos certo prestixio á lingua, porque tamén contribuímos á súa normalización", salientou o filólogo, académico correspondente da Real Academia Galega desde 2002.

Os anos seguintes trouxeron un "éxito superficial" da política lingüística que mellorou a capacidade de ler e escribir en galego da poboación, pero tamén persistiu a diglosia e avanzaron a castelanización e novas variedades cada vez máis afastadas da tradición dialectal galega, proseguiu. O futuro do idioma depende "do grao de visión crítica dentro da sociedade galega", que pasa tamén, entre outros aspectos, pola "dignidade do galego que se fala" e a capacidade de distintos sectores "de se renovaren en galego", profundou o investigador.

A de Kabatek foi a derradeira palestra dos XXVIII Cursos de lingua e cultura galegas, que serán clausurados mañá, 24 de xullo, poñendo fin a tres semanas de intensa actividade. Pero o vínculo con Galicia do estudantado será duradeiro, asegurou o profesor referíndose á súa propia experiencia vital e profesional. "Moitos de vós ides ter Galicia nas vosas vidas a partir de agora", concluíu.