A escritora e académica Fina Casalderrey fala para un grupo de escolares durante unha visita a un centro educativo
Que características pensa que definen a obra de Manuel María?
Darío Xohán Cabana, na introdución da antoloxía poética que acaba de editar (Manuel María. Antoloxía poética, escolma de Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro publicada en Galaxia) utiliza o símil de "estoupidos na alma" para referirse aos poemas de Manuel María. Eu non atoparía unha frase que lles acaese mellor a eses anacos de corazón que latexan con bo ritmo. A autenticidade burbulla neles coma o aire no que agroman os sentimentos. Cando reivindica a necesidade de espertar un país durmido do silencio imposto, ou o idioma e a forza da palabra; cando denuncia a aldraxe que sofren os oprimidos, cando se laia da ausencia dun ser querido, cando repara nos ollos quedos dos nenos labregos, en oposición aos nenos dos casinos, "tan finos"; cando lle canta ao amor, ao tempo, aos camiños, ao mar e á paisaxe toda, á vida… vólvese unha inxección intravenosa directa aos sentimentos. Algúns dos seus poemas semellan ser ese lóstrego capaz de iluminar intensamente un instante para facer brillar as cousas sinxelas.
Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
A súa obra é moi diversa (ensaio, narrativa, teatro…), mais a súa poesía (tamén diversa) abonda para mostrar o universo enteiro. O feito de que se lle dediquen as Letras Galegas neste 2016 fará que o pobo galego se sinta partícipe da conmemoración e que moitas e moitos, entre os que hei de me incluír, sigamos a descubrir novos ángulos de quen contribuíu en poñer a Terra Chá e a Galicia enteira no mapa do mundo.
Que pegada coida que deixou na cultura galega?
Manuel María non só achegou a poesía ao pobo, senón que se sentiu a súa voz, tal como recolle no poema Acuso á clase media, publicado por primeira vez n'A Nosa Terra de Bos Aires en 1965:
Falo en nome de todos aqueles que,
anque teñen razón, non llela dan.
Os seus versos levan esa carga vital que non se pode simular se de certo non se sente. Quizais porque soubo pastorear lembranzas, cultivar soños melancólicos e iluminarse coa luz que máis amou, Galicia, as súas palabras foron e seguen a ser verdade, conseguindo que moitos dos seus versos continúen tatuados na epiderme da memoria colectiva.
Que vixencia conserva a súa creación?
Volvemos hoxe a Manuel María e vénnos á cabeza aquilo de "os poetas nunca morren, só finxen estar mortos".
Como descubriu vostede a Manuel María? Que recordo garda daquela descuberta e que supuxo para vostede?
Fina Casalderrey e Manuel María cos demais
membros do xurado do Premio Manuel María de
Poesía no acto de entrega na edición de 1998, no
Instituto Chan do Monte. O galardón convocouno
varios anos unha libraría de Marín ata que pechou.
Casaderrrey presidía o xurado e Manuel María
acudiu sempre á súa entrega.
As persoas que nacemos e nos criamos nun ambiente de silencios, de portas cegas á liberdade, de anos de "feliz" ignorancia, batuxando con pés descalzos e inocentes sobre todo o que tiña relación directa coa nosa cultura, vivimos dende aqueles primeiros anos setenta nunha continua e apaixonante descuberta. Eu batín por primeira vez con Manuel María na escola. Andaba eu, daquela, empeñada en demostrar a eficacia da dramatización nas aulas. Moitas mestras e mestres do meu tempo buscabamos "materiais" atractivos para seducir o alumnado e borrar, así, a tremenda diglosia que enchoupaba as aulas (e que, noutrora, nos enchoupara a nós). Así dei coas Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, que varias xeracións de estudantes representaron. Despois veu Barriga Verde, aínda que fora publicada con anterioridade. Esa peza soaba na zona, pois o creador do tal personaxe, José Silvent Martínez, que percorría festas e romarías co seu espectáculo de marionetas, vivía en Lérez, preto da casa de meus pais, vírao actuar… Deseguido viñeron Os soños na gaiola, de linguaxe clara e directa, aos que tanto partido lles temos sacado nas aulas, embarcándonos naquel barco de xoguete e sucando os mil ríos e os sete mares para entrar no mundo dos soños. Moito recitaron aquel:
Galicia docemente
está ollando o mar…
E moito entoaron aquilo de "Non canta na Chá ninguén...", d'A Terra Chá, facéndolles a competencia aos de Fuxan os Ventos.
Os ensinantes estamos en débeda con Manuel María, aínda que só sexa pola súa contribución á normalización do galego no ensino.
Cal é a súa obra ou o seu poema favorito de Manuel María? Por que?
Son moitos os poemas "favoritos" que, dende a miña condición de mestra, me axudaron a seducir o alumnado, poemas que saborearon, cantaron, memorizaron, gozaron… canda min. Hai un, moi breve, d'A luz resucitada, dedicado ás rosas, que moito lles enchía a boca aos pequenos (e a min) cando o recitaban:
SEMPRE a rosa. Sempre:
a forma
a cor
o recendo,
a luz,
a perfección da rosa.
Prefiro a rosa vermella.
E amo a rosa branca
porque cando digo
simplemente: ROSA,
entrecerra os ollos,
treme
e ruborece.
A soas coas súas páxinas, gústame a tenrura dos seus versos máis existencialistas (o tempo, a derrota, a morte… tan propios da escola de Tebra), tan evocadores que permiten saloucar coma os que dedica á súa nai, tan fondos, tan tinxidos de amargura e melancolía. Tamén, polo que significan e pola súa potencia conmovedora, seguen a me facer conter a respiración fragmentos coma aquel de Aldraxe contra a xistra, que di:
Ollei unha vaca moi vellísima,
cansa de tirar polo carro
e polo arado,
de sufrir o aguillón,
de dar crías e leite,
de andar pasando fame,
de vivir no meio do esterco,
e cando a levaban
ó matadoiro, dixo,
nun berro arrepiante:
Non! Non quero morrer!
Prefiro vivir, anque vivir
sexa somentes respirar!
Mais, se tivese que escoller un neste intre en que respondo, talvez me inclinase por un soneto d'As lúcidas lúas de outono, unha sorte de soliloquio coa propia alma que di:
Ando a pedirlle á vida: luz, beleza,
delicadeza xentil, unha canción,
a virxinal tempestade da paixón,
o dereito á dignidade e á enteireza.
Pídolle, amiga, que a flor do corazón
se peche sempre ao odio e á vileza
e que se abra ao amor, á sinxeleza,
ao latexar sinceiro da emoción.
Cando sinta chegar o meu remate
agardarei, serenamente, o propio fin
recebendo a lanzada que me mate.
Pois co correr dos anos, aprendín
como podo vencer neste combate:
¡amando a vida e que ela me ame a min!
A razón da escolla? Porque o define a el mesmo, sempre cos brazos abertos aos afectos.