No CEIP Manuel Mallo Mallo de Lugo, entre outras propostas, o alumnado reinterpretou de xeito creativo contos de Non te amola!, a obra narrativa da protagonista do Día das Letras Galegas 2021 que permaneceu inédita ata este ano. Os nenos e nenas de menor idade déronlle forma con plastilina ao relato Hai un monstro no váter, noutros cursos graváronse as representacións teatrais de Carlota quere facerse tendeira e Os avós son coma o cine, no caso de Andei investigando que facer realizouse unha adaptación ilustrada e tamén se escribiron finais distintos para as historias inspiradas na infancia de Xela Arias.
O CEIP do Carballal (Marín), que xa resultara premiado na edición dedicada a Carlos Casares, volveu apostar pola música e o audiovisual para lle render homenaxe a Xela Arias cun videoclip protagonizado polo alumnado de 4º e 6º de primaria. A peza Canto sei! comeza cunha dramatización inspirada tamén en Non te amola! e baséase nun poema de Darío a diario, o libro que a autora publicou sobre a maternidade. A coreografía, argallada por Lola, alumna de 6º, púxose en escena coa participación masiva do alumnado do centro.
No CEIP Souto-Donas de Gondomar o alumnado de infantil elaborou un mural en forma de crebacabezas con distintas técnicas artísticas partindo da Xela Arias nena que lle puxo imaxes á primeira edición d'Os soños na gaiola de Manuel María. En primaria os nenos e nenas crearon debuxos para os versos da homenaxeada e a celebración completouse cunha biografía audiovisual. A peza contou coa participación do alumnado e a colaboración do editor Fran Alonso, a Fundación Manuel María e o grupo musical A Banda da Loba.
Os tres colexios gañadores serán agasallados cun lote de libros e todos os participantes recibirán un diploma acreditativo. A Real Academia Galega convoca este concurso e desenvolve o conxunto do proxecto Primavera das Letras co apoio da Deputación da Coruña.