Os colexios de Sada y sus Contornos, Fogar de Santa Margarida e da Espiñeira-Aldán gañan o concurso de Primavera das Letras

O concurso escolar Contádenos o voso Día das Letras de Luísa Villalta, convocado pola Real Academia Galega ao abeiro do proxecto web Primavera das Letras, xa ten gañadores. A institución premiou as contribucións protagonizadas polo alumnado do CEIP Sada y sus Contornos (Sada), do Colexio Fogar de Santa Margarida (A Coruña) e mais do CEIP da Espiñeira-Aldán (Cangas). A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro outono na Coruña, a Cidade Alta de Villalta e sede da RAG. 

O colexio de Sada y sus Contornos, situado ao pé do mar na vila onde Luísa Villalta foi docente dende 1990 ata o seu pasamento prematuro en 2004, promoveu o coñecemento da figura e da obra da autora con distintas iniciativas nas que os nenos e nenas se involucraron moi activamente. Bandas deseñadas sobre a escritora, unha entrevista radiofónica a exalumnos de Villalta e un festival co gallo da celebración do 17 de maio foron parte das propostas desenvolvidas ao longo do curso 2023-2024. O alumnado levou ademais á escena unha adaptación de Violino, inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta, a historia escrita por Ana María Fernández e o académico correspondente Xoán Babarro para Primavera das Letras, contando con Óscar Villán como ilustrador. A primeira representación teatral celebrouse con motivo da presentación da última edición deste espazo dixital da Academia, en marcha dende 2016 co apoio económico da Deputación da Coruña.

Alumnado do CEIP da Espiñeira-Aldán no xogo do Rosco Letras Galegas 2024

O CEIP da Espiñeira-Aldán, un dos premiados na edición anterior do concurso, resultou de novo gañador de Contádenos o voso Día das Letras en recoñecemento a unha completa proposta de sete obradoiros. Cada un nomeouse cunha nota do pentagrama, en referencia á faceta musical que sempre acompañou a Villalta, e dedicouse a profundar na súa vida e obra, así como a promover o uso do galego. Unha colaxe literaria, actividades de escritura creativa partindo de versos da autora sobre grandes temas da súa obra, un podcast sobre a homenaxeada, o Rosco Letras Galegas 2024 e propostas de acompañamento musical para versos da poeta foron parte das iniciativas levadas a cabo neste colexio cangués.

No Colexio Fogar de Santa Margarida o alumnado de todos os niveis participou durante toda unha semana na Xincana de Luísa Villalta, cunha serie de xogos e pasatempos para distintas idades arredor da vida e do legado literario da escritora. Os estudantes do centro coruñés foron ademais parte do equipo do vídeo A Coruña de Villalta, un traballo que implicou nenos e nenas de distintos colexios de Escolas Católicas da Coruña.

Alumnas e alumnos do Colexio Fogar de Santa Margarida participando na xincana de Luísa Villalta