Os Azores acollen a presentación de dúas obras arredor de Antero de Quental coeditadas pola RAG

En 1880 o escritor dos Azores Antero de Quental escribiu o poema "Zara" como epitafio para lembrar a irmá do poeta Joaquim de Araújo. Morto o primeiro, De Araújo quixo renderlles homenaxe a el e á irmá dun xeito singular. Foi así como en 1894 se publicou a "ediçao polyglota" de "Zara", traducido a 48 linguas, entre eles o galego a través Curros Enríquez. A RAG, o Parlamento de Galicia e a Xunta de Galicia presentaron onte a edición facsímile do volume que acaban de coeditar na Asemblea Lexislativa dos Azores, dentro do programa dos actos de celebración do cuadraxésimo aniversario da autonomía do arquipélago luso.

Pola esquerda, Xesús Alonso Montero, Ana Luísa Pereira Luís, Miguel Santalices e Valentín García na presentación das dúas obras na Cámara dos Azores


Os presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron no mesmo acto, presidido pola titular da Cámara azoriana, Ana Luísa Pereira Luís, o estudo Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas, tamén coeditado polas tres institucións.

Galicia participa ademais nos actos conmemorativos da autonomía do arquipélago portugués amosando desde onte na propia Asemblea Lexislativa dos Azores a exposición 54 páxinas das nosas letras, que recorda a figura e a obra dos escritores homenaxeados cada 17 de maio, desde 1963, co Día das Letras Galegas, e froito igualmente da colaboración entre a RAG, o Parlamento de Galicia e a Xunta de Galicia. A mostra fai así parada por primeira vez nun enclave lusófono.

De Antero de Quental a Teófilo Braga
Un dos poucos exemplares que se conservan da edición políglota de "Zara" obra na biblioteca da Fundación Manuel Curros Enríquez, en Celanova (Ourense), exemplar que a Fundación prestou para facer realidade a edición facsimilar. O volume inclúe traducións dos famosos oito versos ao francés, ao inglés, ao español, ao ruso, ao alemán ou ao italiano, pero tamén a linguas que non posuían estatus oficial como o galego, o éuscaro, o catalán mallorquino, o bretón ou o provenzal.

Alén de verter ao galego "Zara", Curros Enríquez traduciu outras obras de Antero de Quental. El foi, de feito, "un dos escritores que máis fixo, en España, polo coñecemento da poesía deste grande escritor portugués", asegura Xesús Alonso Montero en Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas Letras Galegas. O presidente da RAG escribe a parte dedicada a Antero de Quental deste libro, mentres que a profesora Beatriz García Turnes asina a parte dedicada a Teófilo Braga, "un dos intelectuais portugueses que se relacionou de maneira máis estreita con Galicia e coa intelligentsia rexionalista" que guiou o rexurdimento da lingua e da cultura galegas. De feito, lembra a autora, a relación de admiración mutua levou a que fose nomeado académico correspondente da Real Academia Galega cando esta foi creada, en 1906.

ZARA
(tradución de Curros Enríquez)

Ditoso quen pasou por entr'a magoa
I-as pasions d'a existenza tormentosa,
Deporcatado, como pasa a rosa
E leve como a sombra sobr'a agoa.

Era tua vida un sono indefinido
E tenue, pero doce e transparente.
Acordache… sorriche… e vagamente
O sono continuache interrumpido.