Os 125 anos da conferencia de Pardo Bazán na Société de Conférences de París no Arquivo da RAG

O 18 de abril de 1899 Emilia Pardo Bazán foi invitada a dar unha conferencia pola prestixiosa Société de Conférences, en París. Co gallo dos 125 anos daquel acontecemento, o Arquivo da Real Academia Galega sobe a Galiciana – Arquivo Dixital de Galicia o texto manuscrito daquela intervención, un documento no que se pode observar o proceso de corrección exhaustivo, tan propio da autora, na súa procura do celme literario.

A propia Pardo Bazán autoeditou a conferencia baixo o título La España de ayer y la de hoy (Conferencia de París) ese mesmo ano. No texto a escritora aborda temas de ampla vixencia no momento, como a chamada “leyenda negra” ou “El desastre del 98”, que suscitaron unha ampla polémica na Península Ibérica. As formulacións de Emilia Pardo Bazán, adscritas ao noventayochismo, e ao rexeneracionismo, falan do mal estado da ciencia e da cultura, así como da dexeneración das institucións públicas, propoñéndose ela a tarefa patriótica de contribuír a recomposición do país.

A Real Academia Galega custodia boa parte do arquivo e da biblioteca persoal de Emilia Pardo Bazán. Entre os documentos pertencentes ao fondo da escritora figuran numerosos manuscritos e mecanoscritos con correccións feitas á man por ela mesma, xunto a numerosas fotografías e cartas autógrafas.