David Pintor, coordinador da mostra, posa xunto ao panel coa imaxe de María Victoria Moreno que realizou para as Letras Galegas 2018. Fonte: RAG
"A idea desta exposición é axudar a divulgar, da man da ilustración, a obra de María Victoria Moreno entre as persoas que aínda non a coñezan demasiado. Pareceunos un elemento moi acaído, xa que foi unha autora cuxa obra estivo moi orientada á literatura infantil e xuvenil, na que a ilustración ten moito peso", conta David Pintor. Bea Lema, Lucía Cobo, Nuria Díaz, Dani Padrón, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz e Mari Fe Quesada poñen así novas imaxes, en cadanseu panel, a unha das obras da homenaxeada, desde Mar adiante e Leornado e os fontaneiros ata Un cachiño de bica?, Guedellas de seda e liño e Anagnórise.
A exposición complétase con tres paneis biobibliográficos e dúas vitrinas cunha escolma de obxectos e documentos persoais da autora, como a súa primeira máquina de escribir, o manuscrito de O cataventos ou o bolígrafo co que escribiu as derradeiras obras. Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Sanxenxo, Ordes, Vilalba e Celanova serán os vindeiros destinos de todo o proxecto expositivo.
A académica Marilar Aleixandre, á dereita, conversa coas ilustradoras Bea Lema e Lucía Cobo. Fonte: RAG
Para María Victoria Moreno hoxe sería "unha ledicia" contemplar as novas olladas á súa obra dos ilustradores e ilustradoras que participaron na mostra, salientou Marilar Aleixandre, que interveu na inauguración da exposición en representación da Real Academia Galega, xunto a Román Rodríguez, titular da Consellería de Cultura, que promove a exposición; o viúvo da homenaxeada, Pedro Ferriol; a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o coordinador da mostra e catro dos ilustradores que participaron no proxecto.
A académica recordou que, malia nacer en Estremadura, criarse en terras castelás e estudar en Barcelona e Madrid, María Victoria Moreno "era galega" porque así o decidiu. "Ademais de escritora, profesora, tradutora ou libreira, foi unha muller que desde o ano 1972 participou activamente impartindo cursos de galego e introducindo tamén nas súas clases a literatura galega (...). Escolleu Pontevedra [a cidade onde se estableceu], escolleu Galicia e escribir en galego, así que creo que podemos dicir que era galega", expresou Marilar Aleixandre, que concluíu animando a todo o público a "acompañar a María Victoria Moreno nesa viaxe de soños na que xa a están acompañando os nenos e nenas de Galicia".
Paneis da exposición e vitrina coa primeira máquina de escribir de María Victoria Moreno e outros obxectos persoais da autora. Fonte: RAG
Participantes na inauguración da mostra. Fonte: RAG