Diego Rodríguez (dereita), autor da edición, acompañado polo presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e o concelleiro de Cultura da Coruña, Gonzalo Castro.
Fonte: RAG
Público folleando o libro momentos antes do inicio da presentación.
Fonte: RAG
Henrique Monteagudo intervén na presentación.
Fonte: RAG
Diego Rodríguez presentando o volume ao seu coidado, acompañado na mesa por Gonzalo Castro e Henrique Monteagudo.
Fonte: RAG
O académico correspondente Luciano Rodríguez, entre o público.
Fonte: RAG
O concelleiro Gonzalo Castro, no centro, durante a súa intervención.
Fonte: RAG
O público seguindo a presentación do volume na Casa Museo Casares Quiroga.
Fonte: RAG
Diego Rodríguez asinando un dos exemplares do seu libro.
Fonte: RAG
Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía publícase como o número 11 dos Anexos BRAG. O autor presentou este mércores o volume acompañado do presidente da Academia, Henrique Monteagudo, e o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, nun acto celebrado na Casa Museo Casares Quiroga.
O presidente da RAG pon o acento na relevancia dunha publicación que rescata da penumbra un material que pode abrir novas vías para a análise arredor do romanceiro en Galicia. “Este libro trae a luz a un material inédito desde hai máis de cen anos que constitúe unha achega moi importante para o debate da historia e da evolución do romanceiro de tradición oral en Galicia. Ofrece moitos elementos de xuízo para este capítulo tan relevante para a historia da nosa cultura”, salienta Henrique Monteagudo.
Entre outros, a edición reproduce pregos históricos que atinxen o “Romance de don Gaiferos” que han contribuír á discusión sobre se esta composición circulou orixinalmente en galego ou foi unha adaptación, mesmo invención, de Murguía ou dalgún intelectual galeguista de finais do XIX, como se adoita defender en distintos círculos académicos. Rodríguez argumenta o primeiro, e sostén tamén que naquela altura había máis romances en versión galega do que acostuma sinalarse. Contradí, pois, a hipótese máis estendida entre os expertos que fixeron recollas a finais do século XX e suxire un proceso de castelanización posterior na cadea de transmisión.
O proceso de edición
Diego Rodríguez, membro correspondente da Real Academia Galega e responsable de Patrimonio e Cultura e bibliotecario da Fundación Barrié, bateu por primeira vez coas Rimas de Murguía hai xa máis de vinte anos. Foi na entidade para a que traballa, a través do fondo de Said Armesto, quen recibiu do propio Murguía as 77 follas numeradas da transcrición con grafía etimoloxía, pretendidamente lusitanizante, que outro académico fundador, Florencio Vaamonde Lores, realizara por encarga do historiador, escritor, xornalista e político de cara á preparación da frustrada publicación. A versión aí reproducida do mencionado “Romance de don Gaiferos” foi precisamente a primeira descuberta de Diego Rodríguez, acompañada dun fato de incógnitas, lembra o autor do volume. Desde entón o historiador traballou pola promoción deste legado manuscrito, do que tamén forman parte algúns pregos do puño e letra da rede de correspondentes de Murguía e mais dous prólogos das Rimas conservados no Arquivo da RAG. Fíxoo a través de diversas iniciativas, desde publicacións ata o comisariado unha exposición, tamén participando na organización do congreso do centenario do pasamento de Víctor Said Armesto. Un proceso lento e complexo no que esta edición crítica que traza o itinerario percorrido por cada texto é un fito importante.
“O conxunto de materiais que Murguía foi acumulando, grazas á axuda dos seus colaborados, apareceu nun cartafol desordenado e sen atribucións. El realmente non recuperou ningunha das pezas populares, pero foi o responsable de recollelas e darlles un sentido unitario”, explica Diego Rodríguez. Os limiares conservados na RAG foron chave para a identificación dos papeis coidados pola Barrié. Entre outra información, sinalan momentos nos que as Rimas estiveron a piques de ser publicadas. “O primeiro datámolo cara a 1891, polas referencias que contén. A finais do século XIX, en 1895, chega a haber anuncios da impresión, que inclúen ademais a mención a unha subvención da deputación, o que leva a sospeitar que algo puido chegar a ser impreso”, detalla Rodríguez. Máis ou menos da mesma época é o segundo prólogo, que se ten identificado como o último intento de edición.
“A documentación conservada delata unha intervención case nula de Murguía. Os poucos castelanismos, como caballero ou Jesucristo, que se coan en obras enteiramente en galego, son a proba da neutralidade lingüística dos copistas”, sostén o editor. Rodríguez argumenta neste sentido que os textos debuxan “unha panorámica da literatura oral en Galicia que difire da que se pode ver nas recollas dos anos 80 no século XX”. “Na primeira parte do século XIX, o romanceiro estaba fortemente galeguizado e a conexión con Portugal era moi fonda”, considera o estudoso.
Murguía ―prosegue― tiña unha gran confianza no poder transformador deste legado e sempre foi consciente da urxencia da súa publicación. “Pasaron máis de 150 anos pero estamos seguros de que estas reliquias que reflicten a alma do pobo galego nunca chegarán tarde”, confía Diego Rodríguez.
O título que fai o número 11 de Anexos BRAG reproduce unhas 150 composicións poéticas: as incluídas nos papeis que hoxe se conservan de Manuel Murguía, mais outras publicadas con retoques por Lois Carré nos anos 50 do século XX a partir de documentación do primeiro presidente da RAG hoxe non localizada. Entre as primeiras, Diego Rodríguez destaca o “Romance de Silvana”, un dos máis estendidos en Portugal e tamén en España, así como versións galegas inéditas dos versos de “A doncela guerreira”, aprendidos por Alejandra Murguía a través da anciá de Laxe que traballaba para o seu avó.
O autor
Diego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1972) medrou en Monforte de Lemos e ten tamén raíces en Beade (Ourense). “Alí aínda son o neno da miña avoa Marina”, comparte. Licenciado en Xeografía e Historia USC nas especialidades de Historia Contemporánea e Biblioteconomía e Arquivística, a súa edición das Rimas de Murguía súmase a unha nómina de artigos de investigación sobre temas rosalianos e de investigación sobre manuscritos desde a perspectiva da identificación caligráfica e a bibliografía material.










