O VI Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade homenaxea a Andrés Torres Queiruga

O VI Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade homenaxeou o filósofo e teólogo Andrés Torres Queiruga, membro de número e vicesecretario da Real Academia Galega. Os encontros desenvolvéronse entre o 24 e o 26 de maio en Lisboa, no Porto e mais en Vigo, onde todas as sesións estiveron centradas na obra do académico. Tras varias achegas arredor do seu pensamento, o propio Andrés Torres Queiruga impartiu a conferencia de clausura.

Andrés Torres Queiruga nun momento da súa intervención no VI Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade. Fonte: RAG


Máis de vinte e cinco especialistas participaron ao longo de tres días no VI Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade, organizado polo Instituto de Filosofia Luso-Brasileira, o Instituto de Filosofia da Universidade do Porto, o Centro Português de Vigo, a Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela a través do Departamento de Filosofía e Antropoloxía, a Universidade Católica Portuguesa, o Movimento Internacional Lusófono e mais a revista Nova Águia.

A edición deste ano serviu de homenaxe a Andrés Torres Queiruga, cuxos estudos teñen profundado en numerosas ocasións na filosofía da saúdade. Este mesmo tema centrou o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, pronunciado en 1980 e dispoñible nesta ligazón.

O Colexio Apóstolo Santiago de Vigo acolleu o sábado varias intervencións sobre o académico. Luís G. Soto e Marcelino Agís Villaverde abordaron distintos aspectos sobre a saudade e o filósofo, Renato Epifânio achegou o relatorio titulado "Repensando o ateísmo: entre Andrés Torres Queiruga e José Marinho" e Rocío Carolo Tosar, "O carácter ontolóxico da saudade: Ramón Piñeiro e Andrés Torres Queiruga". A intervención do propio homenaxeado púxolle o ramo á xornada, na que tamén se presentou o número da revista Nova Águia dedicado á quinta edición do Coloquio Luso-Galaico sobre a Saudade.