O Simposio Luísa Villalta anima as novas lecturas dunha autora que escribiu para a transformación propia e do mundo

No treito final do Ano Luísa Villalta, a Real Academia Galega abriu este martes o Simposio Luísa Villalta. Mil son eu tan só, tan soa. A Fundación Barrié acollerá ata o xoves en horario de tarde (de 17 a 20:30 horas) una serie de mesas redondas e relatorios con novas lecturas da protagonista das Letras Galegas 2024, cuxa literatura “é un desexo permanente de comunicar, un espazo de transformación non só de si propia, senón tamén da sociedade e do mundo”, salienta a poeta Eva Veiga, que pronunciou a conferencia inaugural da cita, aberta a todo o público. A primeira xornada rematou coa proxección das fotografías de Maribel Longueira sobre o derrubamento do Papagaio –o antigo barrio coruñés da prostitución– para as que Villalta escribiu unha serie de poemas no libro homónimo, “quizais a máis contemporánea das súas obras”, valora a escritora e profesora Rexina Vega, que tamén participou na primeira sesión.

1/10

“Se cadra, nunca tan realmente existiu para os outros o barrio do Papagaio como nesta toma de conciencia sobre un asunto, por outra parte marxinal e case sempre acometido dunha forma neutra, hipócrita ou interesada. A mirada de Maribel e a pescuda poética de Luísa, porén, son un preciso e amoroso exercicio de comprensión que se libera de prexuízos e mistificacións”, engade Eva Veiga. Tras a súa intervención, Maribel Longueira guiou o público na exposición sobre este proxecto compartido que se pode ver na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda ata o xoves, e que posteriormente se exhibirá no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.

O simposio deterase estes días na lectura e na análise deste e doutros títulos de Villalta, unha autora “que significou para nós vento de modernidade e compromiso no marco dunha xeración que marcou un punto de ilusión e esperanza para a cultura galega”, expresa o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. O encontro ten lugar tras a recuperación, ao longo dos últimos meses, de boa parte da produción da autora que permanecía descatalogada ou difícil de atopar. “É, pois, unha oportunidade para volver ler a Luísa Villalta”, indican as coordinadoras das xornadas, as académicas Margarita Ledo e Ana Romaní. “Con esta expectativa, reuniranse na Coruña visións e voces que dende distintos lugares e con diversidade de enfoques procurarán o inicio doutro tempo respecto da obra e a figura de Villalta, a apertura cara a amplitude da súa obra”, xustifican. 

 

O programa inclúe ademais unha actuación musical de Uxía, que pechará a cita de mañá mércores interpretando temas sobre textos de Villalta; e o espectáculo Indóciles, a proposta multidisciplinaria de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut arredor da vida e da literatura da protagonista destas Letras Galegas 2024, que o xoves lle porá o ramo ao simposio.

O Simposio Luísa Villalta conta co apoio da Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Fundación Barrié. Víctor F. Freixanes, inaugurou esta tarde a cita canda Margarita Ledo; Susana Villalta, irmá da homenaxeada; a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias Romero; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García.

"A colaboración coa RAG, que sempre acada novas vías ao mesmo tempo que se mantén fiel á súa esencia, é case un constituínte básico da Fundación Barrié", declarou Carmen Arias. "A constelación cada día máis ampla de actividades arredor do Día das Letras Galegas permítenos encontrarnos en moitos obxectivos comúns: permeabilidade social, fomento de iniciativas individuais e asociativas e a rigorosidade científica, que é a que neste caso nos convoca. Os críticos, os escolares e ata o espírito festivo reúnense arredor dunha mesma figura. Difícil atopar unha escritora máis acaída para isto que Luísa Villalta", engadiu.

Susana Villalta agradeceu, pola súa banda, en nome da familia da homenaxeada, as iniciativas da RAG e de múltiples entidades e particulares que este ano traballaron arreo para divulgar a obra da súa irmá. "Hoxe a poeta, a narradora, a ensaísta, a dramaturga volve estar dalgún xeito entre nós a través de quen se emocionaron estes meses coa descuberta da súa literatura, e coas relecturas de quen tiveron a fortuna de coñecela no seu día. Luísa rubindo unha e outra vez as escadas dun mundo posible, pronunciando a palabra soñada", dixo emocionada.

Da música e literatura dende a vangarda á ollada de xénero
A relación entre a música e a obra da homenaxeada –violinista profesional– marcou os primeiros compases do simposio. Foi mencionada por Eva Veiga, coeditora da antoloxía Luísa Villalta. Así vou eu, formando parte (Chan da Pólvora, 2024), quen pon o acento na capacidade da autora de abordar e de expresar, na diversidade de xéneros que cultivou, “a inabranguible complexidade do ser humano e do mundo que habita, do visible e do invisible, do consciente e do impensado, sempre dende unha racionalidade que o ritmo do corazón modula”. 

Na música nas letras de Villalta detívose deseguido Paulino Pereiro, con quen a escritora compartiu varios anos de vida e proxectos musicais como o grupo Escaino. “A influencia da música na obra literaria de Luísa non é superficial. Foxe do lugar común, preciosista, reservado a unha sonoridade léxica. Dende o primeiro momento resulta evidente o seu interese por relacionar en profundidade música e literatura; é unha poeta profunda, intensa, persoal e orixinal”, destaca.

A académica Chus Pato tamén analizará mañá mércores, entre outros asuntos, a relación entre música e literatura na obra de Villalta, que escrutou esa comuñón no ensaio O outro lado da música, a poesía (1999). “Dende o seu primeiro libro ata o derradeiro, tratou de atopar un poema que recobrase a unidade perdida entre música e palabra”, valora a poeta, último Premio Nacional de Poesía con Sonora. “Non hai corte nin fisura. O conxunto da súa obra amosa un abano espléndido de temas, pero a determinación é a mesma: a escritura dun poema que, sen ser clásico, conserva todas as posibilidades musicais da poesía anterior ás vangardas históricas. Ao mesmo tempo, ese poema non vai obviar a herdanza da fenda que supón a vangarda. E escríbeo para construír un lectorado que saiba loitar polo que lle é propio e resistir á cultura que se lle quere impor”, comparte Pato, quen participará na segunda xornada do simposio nunha mesa redonda canda outras voces de distintas xeracións, as tamén poetas Estíbaliz Espinosa e Tamara Andrés.

A ollada de xénero marca estes días outros dos eixes da relectura da obra de Villalta. A escritora e profesora da Universidade de Vigo Rexina Vega profundou precisamente na súa escritura feminista, na mesa redonda que moderou esta tarde Marga do Val. Comparou nesta clave a literatura de Xela Arias, protagonista do Día das Letras Galegas 2021, e a da autora da presente edición da gran festa da cultura galega arredor do control da mirada e a “disidencia do corpo”.

“Villalta, no ronsel de Virginia Woolf, porfiou por facer calar dentro de si a voz do ‘anxo da casa’ e a súa aura de sedutora protección maternal. A consecuencia desta posición será, xa que logo, obviar o corpo como problema identitario”, advirte Rexina Vega. Pero na súa obra póstuma dá un salto, “un cambio de rumbo, de voz”, que fai de Papagaio “quizais a máis contemporánea das súas obras, a que máis resoa e golpea no presente”, considera a investigadora. “Malia negarse a facer de muller, agora Villalta fai un libro que só podería escribir unha muller, como lle di en emocionada primeira impresión de lectura de Papagaio Francisco X. Fernández Naval [autor do limiar]. Esa viraxe anuncia por fin a asunción de que as marcas de xénero existen, malia o seu empeño anterior en obvialo. Agora a conciencia plena do corpo aparece, o corpo como material de construción, como creador dunha identidade subalterna”, interpreta.

A denuncia da especulación do corpo da muller e da cidade
A tarde concluíu da man de Maribel Longueira cunha inmersión na xestación de Papagaio, volume reeditado este ano pola editorial Kalandraka. A fotógrafa foi quen procurou versos para as imaxes nas que documentou o derrubamento do antigo barrio da prostitución da Coruña, seguindo o ronsel propio iniciado coas súas imaxes de Cuba, ás que lles puxeran palabras unha vintena de escritores e escritoras de Galicia. “Naquel proxecto non participara Luísa, pero cando a escoitei recitar por primeira vez souben que tería que contar con ela fose como fose”, rememora. “Así que cando busquei voces para as fotos do Papagaio contactei, entre outras poetas, con ela. Veu axiña a visitarme, ensineille na mesa de luz unhas seiscentas diapositivas e marchou para a casa cunhas duascentas para reflexionar sobre elas. Ao cabo duns días, comentoume que atopara a pastorela de don Dinis que fala do papagaio (incluída na apertura do poemario) e pouco despois envioume xa totalmente estruturado o libro nas súas tres partes, tal e como se publicaría”, detalla.

Villalta non chegou a velo publicado. Morreu inesperadamente, vítima dunha meninxite fulminante, o 6 de marzo de 2004, aos 46 anos de idade. “Os poemas que escribiu para estas fotos son únicos, irrepetibles, e falan da valentía excepcional de Luísa. A maneira que ten de abordar nestes versos a especulación do corpo das mulleres, e tamén da propia cidade, non tiña nada de normal naquel momento”, valora Maribel Longueira, para quen este legado póstumo son unha clara mostra de que a “muller excepcional” era tamén unha escritora única.

A densidade das formas breves e pensar Luísa Villalta tras o 17 de maio
A xornada inaugural do Simposio Luísa Villalta contará tamén coas olladas do académico correspondente Luciano Rodríguez e a profesora da Universidade da Coruña María Xesús Nogueira. O filólogo centrarase na querenza de Luísa Villalta polas formas breves e fragmentarias, “a densidade leve” de haikus ou aforismos que “representan a concepción máis redonda da expresión artística, persoal e social da autora”, e que conforman “o substrato da súa multixenérica creación literaria”, apunta.

María Xesús Nogueira, pola súa banda, partirá dunhas consideracións de Luísa Villalta sobre as Letras Galegas dedicadas a Antón Avilés de Taramancos para reflexionar sobre as características inherentes á celebración da efeméride, así como a aquelas que afectaron en particular á autora homenaxeada. Logo de facer un balance sobre as publicacións aparecidas ao longo destes meses, enumerará “algunhas ideas para pensarmos Luísa Villalta de aquí en diante e facer fronte á desmemoria na que caen moitas voces despois da homenaxe”. Entre as tarefas pendentes para manter viva a súa figura, cómpre –conclúe a crítica literaria– combater inercias, resituala nas cartografías literarias, fomentar o seu estudo en ámbitos académicos e evitar visións reducionistas.

Programa dos vindeiros días
Mañá mércores, 20 de novembro, na quenda de relatorios que presentará a académica Fina Casalderrey, a filóloga e ensaísta Inmaculada Otero Varela afondará na narrativa de Luísa Villalta e o escritor e crítico literario Henrique Rabuñal, na súa obra dramática. Deseguido a académica Chus Pato, Estíbaliz Espinosa e Tamara Andrés comporán unha mesa redonda, moderada pola académica correspondente Mercedes Queixas, na que se tratará o feito de ler a Villalta. A segunda xornada concluirá coa actuación musical de Uxía.

O poeta Xosé M.ª Álvarez Cáccamo e a profesora honoraria da UDC Pilar García Negro ofrecerán o xoves 21 senllos relatorios sobre a lírica e o ensaio de Villalta, presentados pola académica correspondente Olivia Rodríguez. A tarde avanzará cunha mesa redonda sobre a cidade da Coruña na obra da escritora protagonizada por Teresa Seara, Xurxo Souto e Miguel Anxo Fernán Vello, e con Cesáreo Sánchez Iglesias como moderador. Poralle o ramo ao simposio Indóciles, a proposta multidisciplinaria de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut arredor da vida e da literatura da protagonista destas Letras Galegas.

O Simposio Luísa Villalta é unha iniciativa da Real Academia Galega organizada co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Fundación Barrié. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. Todas as sesións poderán seguirse en directo dende academia.gal.