O Simposio Luísa Villalta abre en novembro novos camiños de achegamento á autora das Letras Galegas 2024

O final da celebración das Letras Galegas 2024 aproxímase, pero a Real Academia Galega celebrará este mes de novembro unha nova apertura para a lectura da obra da protagonista do pasado 17 de maio. O Simposio Luísa Villalta reunirá do 19 ao 21 de novembro de 2024 estudosas das tres universidades galegas, amizades, lectores e compañeiras e compañeiros na escrita poética co obxectivo de abrir “camiños de achegamento e pescuda dunha obra que se mantén á expectativa tras a incipiente aproximación deste ano”. Ademais de relatorios e mesas redondas, o programa inclúe unha actuación musical de Uxía e o espectáculo Indóciles. Todas as sesións, de entrada libre, desenvolveranse na Fundación Barrié (Cantón Grande, 9 - A Coruña) e poderán seguirse tamén en directo en academia.gal.

“O simposio querería ser unha apertura, o inicio doutro tempo respecto da obra e a figura de Luísa Villalta. Concibido como espazo de procura máis que de clausura, como inicio máis que como peche, o que busca é convidar ás lecturas e ao estudo da obra e da figura da escritora”, salientan as coordinadoras do programa, as académicas Margarita Ledo e Ana Romaní. “Neste ano recuperouse practicamente a totalidade da obra de Luísa Villalta que permanecía descatalogada ou de difícil acceso, puxéronse en circulación de novo os títulos máis significativos mais tamén os menos coñecidos. É pois unha oportunidade para volver ler a Luísa Villalta, e con esa expectativa reuniranse na Coruña visións e voces que, dende distintos lugares e con diversidade de enfoques, procurarán esa apertura cara á amplitude da súa figura literaria”, engaden.

Baixo o título Simposio Luísa Villalta. Mil son eu tan só, tan soa, os versos e textos da homenaxeada dan título ás distintas sesións que se organizan en relatorios dobres e mesas redondas para dar cabida á densidade dunha obra que vai do teatro e a poesía á narrativa e o ensaio, “tentando propiciar as relacións e conexións que a súa propia obra desprega”.

O programa ao detalle
O encontro arrincará o martes 19 de novembro con dous relatorios da poeta Eva Veiga, coeditora da antoloxía poética Luísa Villalta. Así vou eu, formando parte; e o músico Paulino Pereira, quen afondará no recurso da música na autora. A primeira xornada continuará cunha mesa redonda coa crítica literaria e profesora da USC María Xesús Nogueira, o académico correspondente e profesor honorario da UDC Luciano Rodríguez, a escritora e profesora da UVigo Rexina R. Vega e mais a tamén escritora Marga do Val como moderadora. A tarde rematará cunha intervención da fotógrafa Maribel Longueira arredor de Papagaio, o volume no que as súas instantáneas sobre o derrubamento do antigo barrio da prostitución coruñés dialogan cos versos da homenaxeada.

O mércores 20 de novembro, na quenda de relatorios que presentará a académica Fina Casalderrey, a filóloga e ensaísta Inmaculada Otero Varela afondará na narrativa de Luísa Villalta e o escritor e crítico literario Henrique Rabuñal, na súa obra dramática. Deseguido a académica Chus Pato, Estíbaliz Espinosa e Tamara Andrés, tres poetas de diferentes xeracións, comporán unha mesa redonda, moderada pola académica correspondente Mercedes Queixas, na que reflexionarán sobre o feito de ler a Villalta. A segunda xornada concluirá coa actuación musical de Uxía.

O poeta Xosé M.ª Álvarez Cáccamo e a profesora honoraria da UDC Pilar García Negro ofrecerán o xoves 21 senllos relatorios sobre a lírica e o ensaio de Villalta, presentados pola académica correspondente Olivia Rodríguez. A tarde avanzará cunha mesa redonda sobre a cidade da Coruña na obra da escritora protagonizada por Teresa Seara, Xurxo Souto e Miguel Anxo Fernán Vello, e con Cesáreo Sánchez Iglesias como moderador. Poralle o ramo ao simposio Indóciles, a proposta multidisciplinaria de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut arredor da vida e da literatura da protagonista destas Letras Galegas.

O Simposio Luísa Villalta é unha iniciativa da Real Academia Galega organizada co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Fundación Barrié. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. Todas as sesións poderán seguirse en directo dende academia.gal.