O académico Xesús Alonso Montero abrirá o programa do 3 de novembro coa poesía sociolingüística do autor valdeorrés e doutros poetas do seu tempo. Deseguido, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, moderará unha mesa redonda que contará coas contribucións do académico correspondente Ramón Nicolás, que presentará dúas incursións na epistolografía de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), centradas na súa correspondencia con Rodolfo Prada e Ramón Otero Pedrayo; a directora do proxecto As Letras de Florencio, unha ollada á voz do poeta dende Valdeorras; a filóloga Concepción Álvarez Pousa, que profundará nas fontes léxicas na lírica do autor ao que a RAG lle dedicou o pasado 17 de maio; e o catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva, que se centrará nas traducións de Delgado Gurriarán ao galego de poetas como Walt Whitman ou Paul Valéry.
A tarde do 3 de novembro concluirá coa presentación do volume que reúne a conversa que Delgado Gurriarán mantivo en 1979 coa antropóloga catalá establecida en México Dolors Pla (1954-2014) para o arquivo da historia oral do exilio español no país que os acolleu a ambos, nunha versión traducida ao galego e editada para a ocasión; e mais a entrevista que o propio Ricardo Gurriarán lle fixo á dona do homenaxeado, Celia Teijeiro, en 1998.
Ricardo Gurriarán participará tamén no simposio das Letras Galegas 2022 o xoves 10 de novembro, abrindo o programa do día cun relatorio sobre a biografía de Delgado Gurriarán (17:00 horas). A mesa redonda da tarde, moderada polo director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, reunirá o profesor de Filosofía Xosé Luís Pastoriza, que abordará a etapa vital da guerra civil e do primeiro exilio do autor; a historiadora Pilar Cagiao, que falará do México ao que chegou Florencio no ano 1939; e Samuel Diz, que tenderá pontes entre Delgado Gurriarán e o violinista ferrolán Xesús Dopico, o primeiro presidente do Padroado da Cultura Galega en México, que chegou tamén á outra beira do Atlántico á bordo do Ipanema.
Tras o coloquio, Samuel Diz na guitarra clásica, acompañado da voz de Belén Vaquero, pechará o simposio cunha actuación musical que incluirá composicións do lugués Xesús Bal y Gay e de María Teresa Prieto, Rodolfo Halffter e Gustavo Durán –tamén exiliados en México– para poemas galegos.