O Simposio Antonio Fraguas conclúe cunha reflexión sobre o estado da etnografía e da antropoloxía

O Simposio Antonio Fraguas concluí este xoves no Museo do Pobo Galego con dúas mesas redondas centradas na etnografía, a antropoloxía e o folclore que abrangueron olladas dende Galicia e Portugal. O relatores analizaron as achegas do protagonista do Día das Letras Galegas a estas disciplinas, mais tamén o seu desenvolvemento previo e posterior e as perspectivas de futuro, seguindo o mesmo esquema das dúas xornadas anteriores, que profundaron nas contribucións de Antonio Fraguas á xeografía, á arqueoloxía e á mitoloxía galegas.

Pola esquerda, Cristina Sánchez Carretero, Xerado Pereiro e Luzia Oca. Fonte: RAG


O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; o presidente do padroado do Museo, Justo Beramendi; e a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, María Elvira Casal García, clausuraron o simposio. O programa foi coorganizado pola Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego, tres institucións das que Antonio Fraguas foi membro destacado, e a fundación que preserva o seu legado coa colaboración da Xunta de Galicia.

Tras a inauguración do martes na Academia, as sesións continuaron o mércores e o xoves no Museo do Pobo. O programa da última xornada foi presentado pola súa vicepresidenta, Concepción Losada, e Luzia Oca, membro do comité organizador do simposio. A primeira mesa redonda, sobre a antropoloxía antes e despois de Fraguas, contou cos antropólogos Clodio González, membro correspondente da RAG e patrón do Museo do Pobo; Manuel Mandianes, do CSIC; e António Medeiros, do Instituto Universitário de Lisboa. A tarde continuou cunha mesa sobre a situación actual e as perspectivas de futuro da etnografía e da antropoloxía con Cristina Sánchez Carretero, coordinadora de antropoloxía do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC; e Xerado Pereiro, da Universidade de Trás-Os-Montes e Alto Douro. Xosé Carlos Sierra, quen ocupou, entre outros cargos, as direccións do Museo Etnolóxico de Ribadavia e do Museo de Peregrinacións de Santiago, e a Subdirección Xeral de Museos e Patrimonio Histórico e Documental, non puido sumarse, tal e como estaba previsto, a esta parte do programa, pero a súa contribución quedará recollida, xunta ás demais, no vindeiro Boletín da Real Academia Galega.

Cristina Sánchez Carretero realizou unha análise sobre a situación actual da antropoloxía en Galicia, unha disciplina que só conta con 12 profesionais con posicións estables en 7 institucións diferentes, apuntou. "Necesitamos recuperar a presenza institucional que se tiña nos anos 90 para garantir a reprodución do coñecemento antropolóxico", advertiu entre as conclusións.

Un estudoso precoz da cultura tradicional
Clodio González foi o encargado de trazar o perfil de Fraguas como etnógrafo, un campo no que comezou a súa fértil andaina, en 1924, sendo aínda estudante de bacharelato en Pontevedra, por suxestión de Losada Diéguez, un dos seus profesores de instituto. "A primeira angueira que se propuxo foi a de recompilar as cantigas da súa parroquia de Loureiro (Cotobade) e, principalmente, as que a mocidade cantaba nas ruadas e nos seráns que se organizaban en varias casas particulares", conta o académico correspondente. Décadas despois, aquelas coplas protagonizarían o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega e máis tarde, xa nos anos 80, serían parte de Aportacións ao cancioneiro de Cotobade. Este título e outros como La Galicia insólita: tradiciones gallegas, Romarías e santuarios ou A festa popular en Galicia son bo exemplo non só do empeño de Fraguas por documentar manifestacións etnográficas de todo tipo, senón tamén do seu éxito como divulgador da cultura tradicional galega, subliña Clodio González.

Fraguas e os museos
Antonio Fraguas foi o primeiro director do complexo de Bonaval dende a constitución do seu padroado, no ano 1976, e máis adiante, en 1989, asumiu a súa presidencia, que ocupou ata o seu pasamento dez anos despois. "Fraguas fíxose cargo da dirección do Museo do Pobo Galego por compromiso cultural, non por intereses profesionais, igual que fixera con anterioridade coa dirección do Museo Municipal de Compostela (1973). Sempre promoveu e alentou o traballo museal como compromiso, máxime cando as iniciativas estaban mediatizadas polo patrimonio cultural etnográfico", apunta Xosé Carlos Sierra. O experto considera que, aínda que don Antonio non chegou a desempeñar unha actividade profesional propiamente museolóxica parella á que tivo como docente, si tivo un papel fundamental neste eido. "Na súa formación como investigador e na utilización do museo como lugar de coñecemento, Fraguas si percorreu os camiños da experiencia museística e foi cómplice necesario para a existencia, o desenvolvemento e o éxito de varias entidades de extraordinaria importancia para Galicia", valora.

O relatorio de Xosé Carlos Sierra que se publicará proximamente a luz no BRAG céntrase nos problemas e perspectivas da patrimonialización dos bens etnográficos na Galicia dos século XXI. O experto fala dunha "inflación museística" no período democrático caracterizada pola multiplicación de museos locais e municipais. "Boa parte deses museos carecen de criterios museolóxicos e non desenvolven a reflexión necesaria sobre o patrimonio cultural que lles afecta", considera. "Cómpre abrir os ollos, enlazar o pasado co presente e reflexionar sobre o porvir da institución museística segundo farían os mestres do Seminario de Estudos Galegos e, entre eles, o lembrado Antonio Fraguas", conclúe.