Vázquez-Grandío, membro da Asociación Galega de Antropoloxía -organizadora desta edición do congreso-, coordinou ademais, canda o profesor da Universidade Autónoma de Madrid Héctor Grad, o simposio titulado Antropoloxía e linguaxe: aproximacións etnográficas e experiencias de cambio da orde sociolingüística no Estado español. O foro contou coa participación dunha decena de antropólogos e antropólogas que compartiron experiencias de investigación e intervención levadas a cabo en distintos contextos lingüísticos da xeografía española.
Primeiros resultados
Modo galego, actívao! xurdiu como resposta ás debilidades detectadas co Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2021) e pola vontade das persoas involucradas no proxecto de transformar o diagnóstico que ofreceu esta análise nunha proposta de acción. A proposta deseñouse de maneira colaborativa, contando coa participación do Concello de Ames, o profesorado, as familias e preto de 3000 nenas e nenos que se implicaron en distintas actividades, nunha intervención que abrangueu asemade os espazos de educación formal e os servizos complementarios e de conciliación da vida laboral e familiar.
A comunicación do antropólogo da RAG permitiu expoñer algúns dos primeiros resultados da avaliación que se está a realizar do programa nun contexto científico no que se exporán durante catro días máis de catrocentos traballos. Gabino Vázquez-Grandío abordou así mesmo a conexión da iniciativa coa antropoloxía e o enfoque etnográfico, e salientou o papel que desempeñan nos procesos de diagnóstico, deseño colaborativo da proposta de acción e as actividades. O técnico referiuse igualmente á contribución do proxecto ao mellor coñecemento da realidade lingüística galega e, en particular, da situación do galego no sistema educativo.