O Instituto de Ciencias da Educación da USC realizou unha avaliación da competencia bilingüe en galego e castelán ao rematar a ESO co alumnado de 4º da ESO no curso 2008-2009, xusto antes da entrada en vigor do Decreto 79/2010, o chamado Decreto do plurilingüismo. O Seminario de Sociolingüística replicouno no curso 2018-2019 e recolleuno no volume Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán. Continuando con esta investigación, Xaquín Loredo e Gabino S. Vázquez Grandío publicaron no último número do Boletín da Real Academia Galega unha análise centrada nas competencias orais. Esta mesma é o obxecto da comunicación presentada onte en Santiago de Compostela, unha achega que compara como evolucionou a competencia oral dos mozos e mozas ao rematar o ensino obrigatorio na década que separa o traballo do ICE e o da RAG.
María López Sández pechou a presentación cunha análise dende o punto de vista pedagóxico na que reflexionou sobre o enfoque da lexislación educativa sobre o concepto das competencias, que considerou moi restrinxido. A profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da USC cuestionou se é lóxico aplicar os mesmos criterios para a lingua propia que os que se lles aplican ás linguas estranxeiras e defendeu que, pola contra, debería procurarse unha maior esixencia e ambición nos obxectivos do sistema educativo para a lingua galega.
Xaquín Loredo explicou que nesta década de diferenza, mentres non houbo cambios significativos nas competencias orais en lingua castelá, si se produciu un descenso notorio na competencia oral en galego, que xa en 2009 se atopaba por baixo. “Na actualidade atopamos dous perfís fundamentais de falantes, un bilingüe galego-castelán, que supón ao redor do 60% da poboación escolar á saída da educación obrigatoria, e un perfil bilingüe pero cun claro predominio das competencias orais en castelán, que supón preto do 40%”, resumiu.
O estudo constatou tamén un incremento da importancia dos contextos extrafamiliares, en particular da escola, na adquisición das competencias orais. O estilo pedagóxico do profesorado amosou neste contexto unha influencia crecente.
Percepción do profesorado
Gabino S. Vázquez-Grandío referiuse á percepción do profesorado das competencias do alumnado, baseándose no corpus de entrevistas a docentes do que dispón o Seminario de Sociolingüística. A conclusión é que, segundo como se enfoque a cuestión competencial e os obxectivos cara aos que se oriente, as opinións varían. “O diagnóstico do profesorado é achegado ao das nosas investigacións cando falamos das competencias como a capacidade de entender e facerse entender nunha lingua, pero a súa visión é máis negativa cando se analiza dende outros puntos de vista, como o desempeño académico ou baixo criterios de calidade lingüística”, indicou.
As avaliacións coas que traballou o Seminario de Sociolingüística atenderon aspectos como a coherencia, a adecuación ou a riqueza léxica. Os resultados indican que non hai diferenza significativas entre o galego e o castelán e que, de feito, son mellorables para as dúas, coincidindo de novo coa visión do profesorado, engadiu Gabino S. Vázquez Grandío.
As peores valoracións refírense aos aspectos relacionados coas prácticas lingüísticas, as actitudes ou a comodidade e a autopercepción do alumnado, cuestións nas que o profesorado máis preocupado pola substitución lingüística acusa unha mala situación.