O Seminario de Onomástica celebra as Letras Galegas con catro episodios sobre os nomes da terra das cantareiras

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega súmase á celebración do Día das Letras Galegas que a institución lles dedica ás cantareiras con catro novos episodios sobre os nomes das localidades de onde proceden as homenaxeadas. No primeiro, gravado en Cerceda, o concello natal de Rosa e Adolfina Casás Rama, o filólogo da unidade técnica de toponimia da Academia Iván Méndez explica a orixe e o significado do topónimo que nomea o municipio e de Vila da Igrexa, o lugar onde naceron e medraron as dúas informantes que máis coplas achegaron ao Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina.

Nas vindeiras semanas do mes de maio estrearanse os dous episodios nos que o académico de número Gonzalo Navaza aborda os nomes da parroquia de Mens e do concello de Malpica de Bergantiños, de onde eran naturais as Pandeireteiras de Mens; e Andrea Santiso, colaboradora do Seminario de Onomástica, será a encargada de explicar a historia de designación de Muxía, a terra de Eva Castiñeira Santos.

Dúas voces especialmente abundantes no Nomenclátor
Vila da Igrexa é un topónimo ben transparente que significa o que aparenta: a existencia dunha entidade de poboación arredor dun templo relixioso, neste caso a igrexa de San Martiño de Cerceda, advocación desta freguesía coruñesa. O topónimo está atestado, cando menos, desde que no ano 1566 se rexistra unha venda do lugar y casal que se dize da Bila da Yglesia, explica Iván Méndez.

Canto á palabra Vila, que segue plenamente viva no galego actual, o especialista lembra que na Alta Idade Media tiña un significado diferente: “Facía referencia á vivenda e mais as terras que formaban unha explotación agrícola. Esta acepción acabou por ampliarse até o significado actual de entidade de poboación máis pequena ca a cidade e máis grande ca aldea”, aclara.

Tanto Vila coma Igrexa, do latín ECCLESIA, son dous dos topónimos con máis éxito no Nomenclátor de Galicia. “Existen 350 lugares de Galicia denominados A Igrexa e outros cen que conteñen formas derivadas como Suaigrexa ou Suigrexa, Irixoa etc. Variantes evolutivas da forma clásica, como A Eirexe ou Eirexe, A Eirexa, Grixa ou Gris, tamén son abundantes, e forman parte da familia toponímica máis representada no noso Nomenclátor”, debulla o filólogo. Vila é tamén moi abundante, tanto nesta forma orixinal coma nos derivados, que van de Vilanova, O Vilar e Vilariño a Cima de Vila.

O nome da parroquia de Cerceda –documentado desde o século X como Sanctum Martinum de Serzede– e do concello ao que pertence é seguramente un fitotopónimo que fai referencia a unha árbore senlleira da paisaxe galega. O seu étimo semella ser CERCETA, unha forma feminina non documentada derivada de *CERCU, variante do latín clásico QUERCUS “carballo”, prosegue Iván Méndez. “O sufixo -ETA ten un carácter abundancial ou colectivo. Por tanto, este Cerceda e as outras dúas parroquias galegas así chamadas no Corgo e no Pino, eran lugares abundantes en CERCUS, ou sexa, carballos”, engade. A forma masculina do topónimo, Cercedo, dá nome a outras cinco localidades galegas, e Cercido a dúas máis.

Coma noutros concellos galegos, a capital municipal de Cerceda ten un nome diferente á do propio municipio: O Campo da Feira. De novo, este é outro topónimo ben transparente que indica o lugar onde se realizaba o mercado. Existen 14 localidades así denominadas no país, e hai que ter en conta ademais outros topónimos que evocan a existencia dunha feira. Algúns deles están formados por numerais que indican o día do mes en que se celebraba o mercado. É o caso dos Tres en Vilarmaior, O Vinteún en Cabanas e na cidade de Ourense, ou A Feira do Trece en Narón.

O Seminario de Onomástica responde é unha serie do equipo de especialistas en toponimia da RAG que se realiza co apoio económico da Xunta de Galicia no marco da colaboración que ambas as institucións manteñen para o estudo, a recolla e a divulgación dos nomes de lugar do país.