"A primeira imaxe é a do cristaleiro". Lois Pereiro (1958-1996) ten 17 anos e alí está el, na Galaica, o obradoiro do seu pai no baixo da vivenda familiar de Monforte de Lemos. Manuel Rivas coñeceuno na semana Santa de 1975 da man de Xosé Manuel, o irmán do poeta, daquela compañeiro do hoxe académico na nova Facultade de Ciencias da Información da Complutense. "Aquel día iamos arrincar para unha viaxe para min excitante, ao Incio e ao Caurel, que me eran territorios descoñecidos, o que os antigos xeógrafos chamaban belas dormentes. Pero aquel día, para min, o mozo coruñés que descoñecía o seu propio país, a primeira descuberta foi a pequena fábrica de cristais e espellos e, no medio daquel labirinto, aquel outro mozo con corpo de rei", lembraba Manuel Rivas tomando prestada a expresión empregada por Pierre Michon para se referir a Samuel Beckett.
Rivas pronunciou no Congreso Lois Pereiro estas palabras, parte dun traballo recollido no Boletín da Real Academia Galega 372, que xunta esta e outras achegas arredor da obra e vida do poeta monfortino nas distintas actividades organizadas pola Real Academia Galega co gallo Día das Letras Galegas que se dedicou á súa figura. "A obra de Lois ten moito que ver co espazo do cristal e os espellos. Estamos a falar da materia máis dura e máis fráxil a un tempo. Para a súa grafía, o cristaleiro traballa coa punta do diamante. Esa materia esixe mans sinceras. Os espellos son lugares decisivos na psicoxeografía poética de Lois. As palabras son a punta do diamante que comunica ou a luz e a escuridade, ou o que se reflicte e o que se oculta, creando unha nova realidade indócil, o bateau ivre, o barco ebrio de Rimbaud a penetrar no paraíso inquieto da aldea de Chagall, un navío desarborado flotando nos tellados co resplandor dun sol negro", expresaba Rivas.
No mesmo BRAG recóllense os demais traballos presentados no Congreso Lois Pereiro, de Anxo Angueira, Arturo Casas, María do Cebreiro Rábade, Luís Cochón, Xabier Cordal, Carlos Gegúndez, Pere Gimferrer, Antón Lopo, Miguel Anxo Mato, María Xesús Nogueira, Manuel Outeiriño, Chus Pato, Antón Patiño, Luz Pozo, Olivia Rodríguez, Mercedes Queixas, Daniel Salgado e o irmán do poeta, Xosé Manuel Pereiro; así como as alocucións académicas sobre Lois Pereiro no Día das Letras Galegas de 2011, de Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo, Manuel Rivas e Antón Santamarina.
Lois Pereiro naceu o 16 de febreiro de 1958. Cadrando co seu aniversario, organizáronse distintas actividades de homenaxe durante estes días en Galicia, Nova York ou as Universidades de California e Conneticut. Os actos comezaron onte na Universidade de Vigo coa inauguración da exposición Siluetas Furtivas: I Certame cicloxénico de Ilustración e videocreación, unha iniciativa da asociación Trabalinguas en colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e Bööndïäs.