O presidente da Real Academia Galega recibe a portavoz nacional do BNG

O presidente da Real Academia Galega recibiu esta mañá na sede temporal da institución a portavoz nacional do BNG. Víctor F. Freixanes e Ana Pontón abordaron a situación da lingua galega nunha xuntanza na que tamén participaron o vicesecretario, a tesoureira e a arquiveira-bibliotecaria da RAG, Henrique Monteagudo, Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre; e mais as deputadas Mercedes Queixas Zas e Iria Taibo. 

Ao termo da reunión, solicitada polo BNG logo da publicación dos últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o uso e o coñecemento do galego, Víctor F. Freixanes reiterou a preocupación da Academia pola evolución do idioma e instou unha vez máis ás forzas políticas a buscaren “un novo marco de encontro arredor dun patrimonio común, que non admite un posicionamento de siglas”, e que se traduza nunha política lingüística que reverta a situación actual. “A posición da RAG é inequívoca, estamos moi preocupados pola situación da lingua, cremos que está nunha situación moi difícil e que cada vez vai a peor. Necesita unha intervención urxente, non podemos mirar para outro lado”, advertiu o presidente en declaracións aos medios de comunicación.

O pasado 17 de maio Víctor F. Freixanes fixo unha chamada ao conxunto da sociedade e ás forzas políticas en particular para deseñar un novo horizonte para a lingua que “corrixa erros e abra esperanzas”. Tras coñecérense os últimos datos do IGE, que sinalan que o galego deixou de ser a lingua máis falada en Galicia, a Academia reitera a súa demanda dun gran pacto pola lingua. “A RAG non pode substituír de ningunha maneira as forzas políticas e do Parlamento, onde reside a soberanía popular, pero como institución que ten unha responsabilidade coa lingua quere exercela”, engadiu hoxe o máximo responsable da Academia, que confiou en que a institución recibirá as visitas doutras organizacións políticas para abordar a situación do galego.

O Seminario de Sociolingüística da RAG está a traballar nun novo informe sobre a situación do idioma e posibles liñas de actuación para o seu futuro. O documento difundirase proximamente, unha vez presentado no pleno da Academia.