O presidente da RAG recibe a directiva de Aturuxo

O presidente da Real Academia Galega recibiu na sede temporal da institución a directiva da Agrupación Folclórica Aturuxo. A presidenta da entidade, Isabel Quintela, trasladoulle a Víctor F. Freixanes datos biográficos sobre as Pandeireteiras de Mens, parte da candidatura das Letras Galegas 2025, dedicadas ás cantareiras e a poesía popular oral, e reivindicou o papel que desempeñou a asociación dando a coñecer as tamén chamadas Vellas de Mens alén de Malpica.

O presidente e o  vicesecretario da RAG posan cos membros da directiva de Aturuxo. Fonte: RAG

As Pandeireteiras de Mens formaron parte durante dúas décadas de Aturuxo. En decembro de 1972 a agrupación convidou a participar nun dos seus espectáculos un grupo de veciños de Santiago de Mens (Malpica de Bergantiños), despois de que o seu mestre de baile, Manuel Cajaraville Pensado, os vise bailar no Teatro Colón da Coruña –nun concurso organizado pola Sección Feminina –, aínda que antes xa tivera coñecemento deles a través duns veciños do barrio de Monte Alto que procedían da mesma parroquia malpicá. Meses máis tarde, en maio de 1973, incorporáronse a Aturuxo Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, Teresa García Prieto, Manuela Lema Villar, Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela canda os bailadores Jesús García Veiga e Alfonso Garrido Varela.

Dende Aturuxo sublíñase a impresión que causaron no público dende a súa primeira actuación porque “nunca se vira unha representación tan xenuína e enxebre nunha asociación folclórica”, e lembran que as Vellas de Mens son “un todo indisociable” formado por todas as súas integrantes, tamén aquelas que, pola data do seu pasamento non puideron ser formalmente incluídas na candidatura das Letras Galegas 2025. Aturuxo reivindica ademais o seu papel á hora de dalas a coñecer” ao mundo da cultura popular e do folclore”. “Se as Vellas de Mens son indisociables entre si, tamén o son elas e Aturuxo”, conclúe Isabel García Quintela.