A conselleira de Educación, Carmen Pomar, presentou a conferencia do presidente da RAG no marco dunha xornada inaugural na que tamén acompañou a comunidade educativa do IES Antonio Fraguas o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, entre outros representantes institucionais.
A de Antonio Fraguas é unha das biografías destacadas do galeguismo que percorreu practicamente todo o século XX e todas as súas circunstancias, desde o traballo das Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos nas primeiras décadas ata a creación do Museo do Pobo Galego, explicou Víctor F. Freixanes. O presidente da RAG puxo tamén o acento na condición de profesor do homenaxeado, recoñecendo a través del a todos os docentes que cada día traballan para a "sementeira da cidadanía do futuro". Un mestre innovador que sacaba o alumnado das aulas para aprenderlle a interpretar a realidade desde o territorio propio, expresou.
Antonio Fraguas é ademais, cos seus traballos etnográficos e a súa fidelidade á lingua materna, "a memoria da cultura popular, raíz da nosa identidade que mantivo durante séculos un pobo leal á súa lingua", concluíu.
Tras o relatorio, a comunidade educativa e as autoridades plantaron un carballo conmemorativo na memoria de Antonio Fraguas. A árbore procede do concello de Cercedo-Cotobade, de onde era natural o homenaxeado, e foi plantada con terra procedente da súa casa familiar.