O Premio Otero Pedrayo recoñece as traxectorias de Rosario Álvarez e Menchu Lamas

O xurado do Premio Ramón Otero Pedrayo decidiu recoñecer a traxectoria de Rosario Álvarez Blanco (Pontevedra, 1952), directora da Sección de Lingua e coordinadora do Seminario de Gramática da Real Academia Galega, e da artista Menchu Lamas (Vigo, 1954). O xurado do galardón, convocado polas catro deputacións e organizado nesta edición pola Deputación de Pontevedra, destaca a "extraordinaria traxectoria" das dúas premiadas. A académica, catedrática da área de Filoloxías Galega e Portuguesa e membro do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, é especialista en gramática e variación da lingua galega, e dirixe, entre outros proxectos, o Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, no que colaboran equipos de Galicia, Portugal e Brasil. Dende 2018 é a primeira muller que preside o Consello da Cultura Galega. Menchu Lamas é unha das artistas galegas con maior proxección internacional e creadora esencial da renovación da arte galega nas últimas décadas.

Á esquerda, Rosario Álvarez nunha fotografía de Xosé Castro (Arquivo da Real Academia Galega). Á dereita, Menchu Lamas nunha imaxe de Cora Patiño (CC BY-SA 4.0)

A gramática descritiva do galego moderno é unha das principais liñas de investigación nas que traballa Rosario Álvarez, investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega. Outra é a variación e o cambio lingüístico, un enfoque que aplica como membro do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) dende os primeiros pasos do proxecto; e unha terceira, a edición e o estudo de textos do galego medio e do galego da etapa previa ao Rexurdimento, campo no que é codirectora do proxecto Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna e responsable do proxecto Gallaeciae Monumenta Historica.

A acción exterior é outra preocupación constante no labor da académica que se reflicte no seu papel en proxectos como o Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués ou o proxecto transfronteirizo Patrimonio léxico da Gallaecia, que tamén dirixe. O seu prolífico labor investigador queda tamén reflectido en máis de trinta libros publicados como autora, coordinadora ou editora e numerosos artigos en revistas científicas.

No campo da xestión cultural e académica, foi vicerreitora de Profesorado da USC (1990-1994), directora do Departamento de Filoloxía Galega (1995-1999), directora do ILG (2005-2013) e tesoureira da RAG (2013-2017). No ano 2018 converteuse na primeira presidenta do Consello da Cultura Galega, institución dende a que fixo un sinal de identidade o traballo a prol da igualdade de xénero na cultura.