O Portal das Palabras recibiu desde o primeiro momento unha cálida acollida e segue a medrar en audiencia: só no último ano, as persoas que seguen este espazo son un 20 % máis. Conforman unha comunidade de milleiros de usuarios que teñen ao seu dispor un amplo repositorio de contidos que reflicten o idioma galego como a lingua viva, dinámica e en contacto coa contemporaneirade que é. Suma xa máis de 400 contidos textuais, 300 xogos interactivos e 75 vídeos nos que membros da Academia responden as dúbidas que o público fai chegar ao Portal, e durante todo o ano ofrece cada mañá a palabra do día.
O Portal das Palabras pídelles opinión aos usuarios
Non todo o que se pode dicir sobre as palabras está no Dicionario. Por iso en 2013 a Real Academia Galega puxo en marcha en colaboración con Fundación Barrié o Portal das Palabras, unha plataforma para aprender, valorar e protexer o léxico de noso a través de recursos lúdicos e informativos, na procura dunha relación cos usuarios e usuarias máis próxima. Co propósito de coñecer mellor a súa opinión sobre os contidos que ofrece e que botan en falta, o Portal das Palabras activou unha enquisa en liña que poderá cubrirse ata a volta do verán. Os resultados serán tidos en conta de cara á nova tempada.