O concurso pretende promover a difusión do léxico galego e, ao mesmo tempo, potenciar a creatividade, a capacidade de síntese e a aprendizaxe de conceptos mediante o chamado pensamento visual, que consiste en converter en imaxes sinxelas e recoñecibles todo tipo de conceptos e ideas. A convocatoria ponse en marcha coa colaboración do colectivo docente Galiza Visual, que promociona esta ferramenta didáctica nas aulas de todos os niveis.
A Palabra do Día adoita ter unha unidade temática semanal e cada termo acompáñase non só do significado da acepción en cuestión que recolle o Dicionario da Real Academia Galega, senón que tamén indaga nas súas orixes e ofrece exemplos de uso tirados de obras da literatura e os medios de comunicación galegos que engaden elementos inspiradores para as persoas que desexen participar no reto de traducir as palabras á linguaxe visual.
O Portal das Palabras ofrece ademais xogos interactivos, vídeos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. Dende esta plataforma, a Real Academia Galega e a Fundación Barrié organizan ademais dende 2014 a elección da palabra do ano no noso idioma.