Os dous primeiros parágrafos de "Alba de Groria" nos que se traza este voo imaxinado xa foran escritos un ano antes e forman parte do capítulo I do libro IV de Sempre en Galiza, engadido na segunda edición do libro. No ano 1951 o Centro Galego de Buenos Aires quixo homenaxear a Castelao no seu primeiro cabodano publicando a versión orixinal deste discurso e mais a tradución ao castelán de Eduardo Blanco Amor nunha edición dispoñible en copia dixital na páxina web da Academia.
A comunidade emigrante, o pobo, a historia e a tradición son os principais temas que aborda o texto lido por Castelao en 1948 tal día coma hoxe, o día da "Festa de todol-os galegos", no Teatro Argentino da capital porteña. Sete décadas despois, está considerado todo un referente simbólico para Galicia e unha das principais manifestacións da oratoria en lingua galega.
O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización da nosa lingua. O traballo conxunto entre ambas as institucións permitiu tamén levar a cabo as últimas actualizacións do Dicionario da Academia, que fan posible un uso máis personalizado e interactivo, e o desenvolvemento de aplicacións para empregalo desde teléfonos móbiles e tabletas con sistemas iOS e Android.