O académico que coordina a campaña, Víctor F. Freixanes, e o responsable de Patrimonio e Cultura da Fundación Barrié, o académico correspondente Diego Rodríguez, compareceron esta mañá en rolda de prensa xunto ao tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro para explicar os detalles da convocatoria.
A elección da Palabra do Ano do galego arrincou no ano 2014 e concibiuse inicialmente como “unha palabra-crónica” que, en opinión dos seareiros do Portal das Palabras, representase o que fora o ano que concluía, pensando na actualidade sobre todo, lembra Víctor F. Freixanes. Así foron elixidos inicialmente vocábulos como corrupción e refuxiado, -a. “Mais paseniñamente a nosa Palabra do Ano foi incorporando unha nova significación: a esperanza, mesmo a aposta polo futuro”, sinala o académico. Neste camiño que singulariza dalgún xeito a proposta galega, fronte á escolla de palabras do ano noutros idiomas máis centrada en neoloxismos, o académico destaca suxestións do público como as que coroaron afouteza ou tanxugueiras, palabras que están vivas na lingua e evocan actitudes positivas, mesmo chamando á filosofía popular que nos define (sentidiño), ou tirando do humor (cibercarracho), e incluso voces “cun aquel de reivindicación consciente”, como aconteceu con irmandade, comadre ou nós, engade.
“Seguindo este ronsel, na edición de 2024 a palabra escollida foi cantareira, unha afirmación festiva consciente a prol da tradición e a música do pobo coa que o público quixo darlle á benvida á exitosa celebración do Día das Letras Galegas 2025. Desta volta convidamos un ano máis todos os seareiros e seareiras do Portal das Palabras a continuar a celebrar a nosa iniciativa, que nos afirma na lingua e, en moitos casos, mesmo é unha descuberta solidaria”, anima Víctor F. Freixanes.
“As palabras do ano en Galicia van tecendo, ano a ano, unha imaxe das nosas preocupacións, pero sobre todo dos nosos afáns coma sociedade. E esta elección irmándanos con todas as linguas do mundo que queren estar presentes na vida das persoas e que a vida das persoas estea presente nelas”, comparte Diego Rodríguez.
“Esta iniciativa ten unha importancia especial na posta en valor da nosa lingua, un dos símbolos máis importantes de Galiza”, subliña Rubén Arroxo, que explica que o Concello de Lugo leva anos traballando para converter a rúa Menorca “no gran paseo das Palabras do Ano”. “A intervención artística que se realiza nesta rúa arredor das voces elixidas consolidouna como un atractivo turístico máis”, apunta o tenente de alcalde. Para a colocación das palabras utilízase un material duradeiro e que permite unha boa e sinxela visibilidade do texto. Xunto a cada palabra colócase tamén o ano correspondente.
Do Portal das Palabras ao Ximnasio Léxico
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié colaboran en distintos proxectos para o estudo e a divulgación do léxico da lingua galega. A aplicación de xogos do Dicionario, o Ximnasio Léxico, dispoñible para dispositivos Android e iOS, é unha das últimas propostas, que se suma aos contidos que ofrecen a través do Portal das Palabras. Esta web ofrece cada semana xogos e outros contidos que conectan o idioma coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.
O Portal das Palabras convida ademais todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano desde 2014. Nas edicións anteriores resultaron gañadoras cantareira (2024), cibercarracho (2023), comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).



