O poeta que foi “pedra angular” na creación da música contemporánea

Unha tarde máis, a xornada de onte do Simposio Manuel María rematou con versos do homenaxeado, pero desta volta cantados. Tras expoñer un relatorio no que se referiu ao poeta como "pedra angular na creación da propia música galega contemporánea", Xurxo Souto animou o público a despedirse entoando "O carro", poema convertido en canción por Fuxan os Ventos. Ademais da relación do autor coa música, o programa do xoves detívose na súa narrativa, no xornalismo cultural, na historia no seu teatro, nas achegas á construción dunha educación literaria en galego e no compromiso coa lingua.

Pola dereita, Xurxo Souto nun momento do seu relatorio, acompañado por Henrique Monteagudo, Montse Pena e Henrique Rabuñal. Autor: RAG


A música sempre estivo presente na creación de Manuel María. "A súa obra era xa cántiga", con títulos como Libro de cantigas (1955), Versos para cantar en feiras e romaxes (1969) ou Canciós do lusco ao fusco (1970), expresou o relator, que lembrou que moitas das pezas que hoxe conforman o repertorio da música popular galega levan a sinatura de Manuel María. De feito, case un cento dos seus poemas teñen versión melódica dunha morea de compositores: Fuxan os Ventos, Suso Vaamonde, María Manuela, Xoán Rubia, A Quenlla, Milladoiro, Na Virada, Xoán Eiriz, Uxía, Magín Blanco, Fran Amil…

Mención especial mereceu a gravación dos versos d'Os soños na gaiola nun longa duración do mesmo nome por parte de Suso Vaamonde en 1978, que cualificou como "fito fundacional" da música infantil galega. Sobre as contribucións de Manuel María dirixidas ao público infantil tamén falou na mesma mesa a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Montse Pena Presas nunha intervención que foi desde as páxinas d'Os soños na gaiola, publicados por primeira vez en 1968, á triloxía de Manuel de Paderna, pasando por As rúas do vento ceibe ou Unha sombra vai polo camiño - Como desapareceu a Atlántida e apareceron os lagartos.

Tamén na mesa de debate que pechou a xornada, o escritor Henrique Rabuñal achegou ao público unha mirada sobre a historia inserida no teatro de Manuel María a partir de tres obras referidas a "tres momentos determinantes nos que se dirimen as liberdades do noso país: Abril de lume e ferro, peza que evoca a revolución galega de 1846 e os Mártires de Carral; A lúa vai encoberta, na que ao longo de once escenas viaxa no tempo desde 1936 a 1977; e Unha vez foi o trebón, sobre as revoltas dos irmandiños. "Nestas obras agroma unha mirada nacional galega da historia (…). Hai nelas xa non só unha esperanza senón a certeza de que o pasado non é inútil, a busca da liberdade e da xustiza non pode ser estéril", analizou.

Camilo Gómez Torres. Autor: RAG

O programa do día 23 arrincou cunha conferencia de Camilo Gómez Torres, autor da primeira tese sobre Manuel María, sobre a biografía e a creación do escritor chairego. O investigador percorreu a traxectoria vital do homenaxeado retratando o seu carácter polifacético, que deu lugar a "unha obra poética inmensa e maxistral", pero tamén a unha produción destacada na narrativa e no teatro, un labor xornalístico "de gran valía" e un activismo cultural salientable ao longo de toda unha vida caracterizada por unha "exemplar humanidade".

Deseguido, o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, moderou unha mesa de debate sobre a narrativa do escritor chairego con Mercedes Queixas, Carme Fernández-Pérez Sanjulián e Xosé Ramón Freixeiro Mato. Mercedes Queixas recordou que a súa obra narrativa abrangue máis de sesenta relatos "que nacen e medran, en paralelo, á expresión escrita máis popular e recoñecida, a poética, mais tamén á dramatúrxica e ensaística". Estes escritos aparecen recollidas nun total de trece títulos éditos. Da primeira época, a especialista destacou Contos en cuarto crecente (1952), "unha primeira luzada para a expresión prosística en galego en plena posguerra" asinada por un Manuel María aínda ben mozo. Como no caso da poesía con Muiñeiro de brétemas, este foi o primeiro libro da prosa galega publicado por un escritor novo despois da guerra civil.

Carme Fernández-Pérez Sanjulián centrou a súa intervención nas colaboracións do autor no semanario A Nosa Terra, onde co pseudónimo Manuel Hortas Vilanova publicou desde 1977 case trescentas entregas na sección "Andando a terra" que constitúen "un magnífico exemplo do xornalismo cultural da segunda metade do século XX". "Estas achegas xornalísticas son un microcosmos onde se pode observar con claridade a liña ideolóxica que, a modo de columna vertebral, organiza o pensamento do autor, e que non é outro que a afirmación de Galiza como nación. Este discurso desenvólveo ao longo de toda a súa produción literaria", expresou a profesora da Universidade da Coruña.


Pola esquerda, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Saleta Goy, Henrique Monteagudo, Henrique Rabuñal, Montse Pena, Carme Fernández-Pérez Sanjulián, Mercedes Queixas e Xurxo Souto. Autor: RAG


O tamén profesor da Universidade da Coruña Xosé Ramón Freixeiro Mato foi o encargado de analizar a lingua na vida, na obra e no pensamento do escritor, que non se limitou a dar testemuño persoal de coherencia e compromiso no uso constante do galego. Tamén se implicou na causa da súa dignificación e normalización social e defendeu, "con certeza", o concepto de normalización lingüística fronte ao de bilingüismo. "E por ela loitou tanto desde a súa acción sociopolítica militante como desde a súa obra poética, ensaística, narrativa ou teatral, pois a reivindicación e defensa do idioma propio é un tema constante en toda a súa produción. Descualificou, por consecuencia, o bilingüismo como solución alternativa á normalización e criticou aquelas persoas que desertan do idioma propio ou que mostran indiferenza e deslealdade cara a el", concluíu Xosé Ramón Freixeiro Mato.

O Simposio Manuel María reúne ao longo de tres tardes unha vintena de especialistas en distintos aspectos da súa vida e da súa obra. As xornadas conclúen hoxe, xoves 24, cunha mesa de debate sobre poética e poesía coas contribucións de Pilar García Negro, Xosé Estévez e Carlos Quiroga que será moderada por Margarita Ledo; un relatorio do xornalista e escritor Antón Lopo sobre a importancia da libraría Xistral, rexentada por Manuel María e a súa dona en Monforte, como foco de difusión cultural; un percorrido polas paisaxes identitarias do autor ofrecido polo tamén escritor Xosé Lois García e como colofón, a partir das 19.30 horas, a proxección do documental Eu son fala desta miña terra, documental de Margarita Ledo que rescata a voz e as imaxes da vida de Manuel María.