Xavier Senín. Fonte: RAG
O novo académico correspondente licenciouse en 1975 en Filosofía e Letras, Sección de Filoloxía Moderna, Subsección de francés pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1976 comezou a exercer como docente de secundaria e foi catedrático de instituto da materia de Francés dende 1981, aínda que sempre lle prestou atención ao galego tamén dende a didáctica. Foi docente dos primeiros cursos de lingua e cultura galegas tras a recuperación da democracia, coordinador dos libros de texto de lingua galega de EXB de Ediciones SM e autor de Lingua Galega 1º de BUP e Galego 2º de BUP de Edicións Xerais de Galicia.
Como tradutor, Xavier Senín ocupa un espazo de relevancia tanto pola cantidade como pola calidade das súas achegas. Foi ademais impulsor e presidente da Asociación de Tradutores Galegos (ATG), creada en 1985 para potenciar a tradución ao galego como ferramenta de normalización lingüística; e redactor responsable da edición galega d'O Correo da Unesco dende a súa aparición en 1989 ata 2001. Moitos dos títulos que levou á lingua galega están dirixidos ao público máis novo, sempre no centro da súa atención, un interese que o levou tamén a asumir a presidencia da Organización Española do Libro Infantil e Xuvenil (1998-2001).
Xavier Senín verteu ao galego a primeira e única novela en castelán da súa amiga María Victoria Moreno, Alcores de Donalvar (1969), publicada baixo o título Onde o aire non era brisa (2009). Co gallo do Día das Letras Galegas que a Academia lle dedicou á autora, o académico correspondente escribiu canda Isabel Soto María Victoria Moreno. Sementadora de futuro.