Na organización do acto, celebrado o pasado 28 de xuño, participaron a Estratexia Eo Alimenta- Asociación de Produtoras Eo Alimenta, o Concello de Trabada e a Área do Rural da Deputación de Lugo.
Xulia Marqués Valea dedicoulle a súa tese de doutoramento á toponimia deTrabada. No volume que publicou na Colección Terra Nomeada afonda na orixe e no significado dos máis de 130 núcleos de poboación deste municipio. A maioría teñen orixe no latín ou no galego, e en xeral contan con correspondencia na toponimia doutras áreas de Galicia, nalgún caso caracterizados aquí por solucións propias do galego nororiental comúns ao asturiano na morfoloxía (O Carballín, O Espín, O Muín Queimado) ou no léxico (O Curquido, A Escanarega, O Murio de Arriba).
A filóloga é tamén autora na Colección Terra Nomeada do volume Toponimia da Pontenova, concello que limita con Trabada.