O Museo do Pobo Galego acolle a exposición das Letras Galegas 2023

Tras a súa estrea en Lourenzá, a terra natal do protagonista do Día das Letras Galegas 2023, e unha segunda parada no Museo do Mar de Vigo, a exposición Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito chega ao Museo do Pobo Galego, onde poderá verse ata despois das festas do Nadal. A Real Academia Galega colabora nesta mostra, impulsada pola Xunta de Galicia e producida pola editorial Galaxia, coa biógrafa de don Paco, Malores Villanueva, e a vicepresidenta segunda da Fundación Penzol, Malós Cabrera, como comisarias. O académico Francisco Fernández Rei interveu no acto inaugural en representación da RAG cun discurso no que comparou o papel do homenaxeado como presidente da institución co labor de modernización que o papa Xoán XXIII levou a cabo no seo da Igrexa católica.

Francisco Fernández Rei, á esquerda, xunto aos demais intervenientes na inauguración da mostra no Museo do Pobo Galego. Autora: Sandra Alonso

A exposición repasa a traxectoria vital, intelectual e profesional de Fernández del Riego a través de catorce paneis informativos e mesas vitrina con material gráfico e documental do intelectual, figura chave na reorganización galeguista tras a guerra civil.

Francisco Fernández Rei participou o pasado venres na presentación da mostra en Santiago de Compostela xunto ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a comisaria da mostra e vicepresidenta segunda da Fundación Penzol, Malós Cabrera; o director de produción de Galaxia e coordinador da exposición, Xesús Domínguez; a sobriña de Del Riego María Eugenia Bermúdez Fernández; e a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada.

O académico puxo o acento na súa intervención no labor de Francisco Fernández del Riego como presidente da RAG, un cargo que asumiu cando xa tiña 84 anos, en 1997. Fernández Rei lembrou que durante o mandato de don Paco, que continuou ata 2001, se puxeron “os alicerces do que é actual institución”. Entre outros cambios, a reforma dos estatutos suprimiu o carácter vitalicio da presidencia e iniciáronse os traballos de dixitalización da Academia. “Tiven a inmensa fortuna de ser académico numerario durante case toda a súa presidencia, polo que puiden vivir a transformación radical operada na RAG grazas ó impulso de don Paco que, mutatis mutandis, exerceu un papel semellante ó do cardeal Angelo Roncalli, o papa Xoán XXIII, no seo da Igrexa católica. Este papa de transición, case octoxenario, revolucionou totalmente a Igrexa co Concilio Vaticano II que promoveu, e que trouxo unha liturxia máis sinxela e máis achegada á xente, así como un novo ecumenismo”, comparou Fernández Rei.